O grupo municipal do BNG de Vigo reclamou este luns que se despreguen as medidas necesarias para reforzar as liñas de autobús urbano de Vitrasa co obxectivo de evitar masificacións e garantir mellores condicións de seguridade fronte a Covid-19.
“Setembro suporá a reincorporación laboral de millares de traballadoras e traballadores após as vacacións de verán e tamén o inicio do curso escolar en todos os niveis educativos”, lembou o concelleiro do Bloque Nacionalista Galego na cidade olívica, Xabier P. Igrexas. “Esta situación provocará un importante aumento no uso do autobús, en plena segunda vaga do coronavirus, ben para desprazarse ao posto de traballo ou para acudir a centros educativos como os institutos de FP ou o campus universitario, polo que é imprescindíbel reforzar con máis buses e máis frecuencias para evitar masificacións que poñan en risco a saúde”, reclamou.
O portavoz municipal nacionalista afondou na problemática das lanzadeiras ao CUVI, utilizadas por centenas de estudantes. “Non podemos obrigar o estudantado a viaxar en buses cheos até a bandeira, sen a máis mínima distancia interpersoal e durante máis de 30 minutos”, advertiu.