Coincidindo coa visita preelectoral de Pedro Sánchez á cidade de Vigo, o concelleiro do BNG, Xabier P. Igrexas, demandoulle que explique «ás viguesas e aos vigueses a negativa reiterada do seu Goberno de que Galiza poida beneficiarse dunha tarifa eléctrica galega, para que o feito de sermos produtores netos de enerxía se converta nunha vantaxe competitiva». A este respeito Igrexas lembrou que por contra o Goberno de Sánchez si que fixo posible que desde o pasado 2018 Euskadi poida dispor dunha tarifa eléctrica rebaixada para a súa industria.
O portavoz nacionalista subliñou que enfrontamos «unha clara crise industrial na comarca de Vigo, un preocupante devalar produtivo con 7 mil empregos menos na industria viguesa dos que había hai unha década, e no que cada semana recibimos malas noticias como o inminente feche de Vulcano, os problemas en Barreras ou as dificultades que está a atravesar o sector da automoción». Desde o Bloque defenden que para apostar a serio pola industria viguesa e galega «teremos que facer valer o feito de que Galiza exporta o 40% da súa enerxía polo que non ten ningún sentido que teñamos a factura eléctrica máis cara de todo o Estado», destacando que os custos enerxéticos son o segundo gasto máis importante despois do laboral para o tecido produtivo. «Queremos gañar competitividade rebaixando o custo da enerxía para as nosas industrias, non a costa de precariedade, de baixos salarios nin de deslocalización da produción», resumíu.
Igrexas reprochou tamén a negativa do PSOE vigués a aprobar no último Pleno da Corporación a moción coa que o BNG recollía unha batería de propostas en favor dunha industria estratéxica para a cidade como é automoción.
Promesas incumpridas
Desde a fronte nacionalista cargan contra o permanente ronsel de promesas que nunca se tornan feitos en favor da cidade. «As viguesas e os vigueses, as galegas e os galegos, estamos fartas dos anuncios reiterados por parte do Goberno español de turno, sexa do PSOE ou do PP», advertiu o edil nacionalista. «O que nos deixou xa claro Pedro Sánchez na única proposta de orzamentos xerais do Estado que elaborou é que non era posíbel que o AVE chegase a Vigo antes do ano 2030, nada se sabía da saída sur con Porto, nin tampouco da necesaria prolongación da A52 ou do desenvolvemento de Peinador», exemplificou.
Para Igrexas o cacarexado compromiso con Vigo é apenas propaganda que non tivo reflexo real en decisións «contantes e sonantes». «Hoxe Sánchez volverá prometernos o mesmo, pero o que xa sabemos é que desde que el é presidente do Goberno, no Boletín Oficial do Estado o nivel de compromiso do PSOE con Vigo e con Galiza ten sido practicamente nulo. Para alén de pequenas decisións cosméticas o certo é que non se notou a diferenza entre que haxa un ou outro ocupante na Moncloa», lamentou.
Coa vista posta nas vindeiras eleccións do 10N, o portavoz do Bloque na cidade olívica salientou que «a experiencia destes meses tamén demostra que é imprescindíbel que Vigo e Galiza teñamos unha voz propia e insubornábel no Congreso, sometida só aos intereses deste País, e esa voz só pode exercela, como xa o fixo durante décadas, o Bloque Nacionalista Galego».