O Bloque Nacionalista Galego expresou o seu rexeitamento a que se financie con recursos públicos municipais a instalación de símbolos relixiosos na cidade, como é o caso do proxecto dunha escultura do Sagrado Corazón de Xesús na capela da Guía. O concelleiro do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas, mantivo canda o responsábel local da fronte nacionalista, Serafín Otero, un encontro con representantes do colectivo Vigo Antifascista, no que entre outros asuntos abordaron esta cuestión.
Ao remate da xuntanza, Igrexas expresou a súa discordancia con que se vaian destinar preto de 107.000 euros, financiados por Deputación de Pontevedra e Concello de Vigo, á instalación “dun Sagrado Corazón de Xesús de 7 toneladas e a súa iluminación”. O Goberno municipal subscribiu ao efecto un convenio co Bispado o pasado 30 de decembro.
O portavoz nacionalista subliñou o principio democrático de aconfesionalidade das administracións públicas, e expresou que “para o BNG, desde unha visión laica e radicalmente democrática, ese principio é incompatíbel con destinar diñeiro público a este tipo de actuacións”. O edil salientou ademais que este proxecto xa recibiu as críticas de diferentes colectivos como Europa Laica, a Asemblea Republicana de Vigo ou o propio Vigo Antifascista. Críticas que tamén inciden no significado histórico da figura do Sagrado Corazón pola súa utilización polo réxime nacional-católico da ditadura franquista no seu proceso de imposición da fe relixiosa.
“No BNG estamos certos e certas de que o barrio de Teis ten necesidades moito máis urxentes e importantes que unha escultura xigante coroando unha capela”, acrecentou Igrexas. En relación a isto, chamou “desde o profundo respecto” a que o bispado reflexione sobre “se neste contexto de dura crise social con moitas familias empobrecidas a prioridade da súa comunidade relixiosa é destinar 100 mil euros a isto”.
A fronte nacionalista criticou ademais que o Goberno municipal disfrace este financiamento como “conservación” do patrimonio cultural de titularidade eclesiástica, ao se tratar dunha obra ex novo. “Non hai nada que conservar, o que vai facer Abel Caballero é que todos os vigueses e viguesas, católicas ou non, crentes ou non, paguemos a instalación dun símbolo relixioso de case 5 metros de altura e 7 toneladas de peso”, reprochan. En todo caso, o BNG advertiu de que exercerá a súa acción fiscalizadora para comprobar se a execución do proxecto se axusta á “máis estrita legalidade”.