O Bloque Nacionalista Galego de Vigo vén de solicitar formalmente a revisión da licenza da gasolineira na contorna de Tomás A. Alonso con Esturáns, outorgada polo Goberno municipal de Abel Caballero. A fronte nacionalista cuestiona a autorización deste proxecto a escasa distancia de vivendas, e na contorna de dúas escolas infantís e dunha residencia de maiores, após manter unha xuntanza con veciñas e veciños afectados.
“Falamos da posibilidade de que se instale unha gasolineira a só catro metros das vivendas”, denunciou o concelleiro e candidato do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas. “Unha nova estación de servizo que non é necesaria, tendo en conta que hai alternativas a moi pouca distancia, e polos evidentes prexuízos sociais, ambientais e de saúde que pode derivar”, engadiu.
Nese sentido, o edil nacionalista solicitou na Xerencia Municipal de Urbanismo que se revisa a concesión desta licenza sobre a que tamén existen “dúbidas fundadas” sobre o seu encaixe na normativa urbanística. Igrexas explicou que o ámbito para a instalación da gasolineira está dentro do suposto de contradición entre o que prevé o Instrumento de Ordenación Provisional (IOP) e o que recolle o proxecto de novo Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM).
O candidato do BNG asegurou que, para alén destas discrepancias técnicas, o goberno de Abel Caballero ten que escoitar á veciñanza, tal como lle veñen reclamando. “Teñen que recibir ás veciñas e veciños afectados e atender o recurso de reposición que veñen de presentar en relación a esta licenza”, subliñou.
Desde a fronte nacionalista anunciaron tamén que traballan xa na elaboración dunha “proposta política concreta que evite que poida ser legal instalar unha gasolineira nestas condicións en ámbitos habitados do casco urbano como este caso”, seguindo o exemplo doutras cidades do Estado, co obxectivo de avanzar cara un “Vigo máis sustentábel, máis saudábel e máis habitábel”.
Posibles prexuízos sobre a saúde
Por parte da veciñanza afectada, aseguraron estar “desagradablemente sorprendidos” pola instalación desta estación de servizo a escasos metros das súas vivendas, polo que chamaron ao Concello a reconsiderar a decisión sobre a licenza atendendo ao prexuízo directo que suporía sobre a súa saúde. “A exposición a gases procedentes da gasolineira vincúlase cun incremento do risco de cancro e de enfermidades respiratorias, entre outros”, sinalou un dos seus voceiros, Javier Riveiro, que insistiu en que “non vai achegar nada ao barrio que ten cubertas as necesidades de gasolineiras”.