O Bloque Nacionalista Galego expresou esta mañá a súa discrepancia coa decisión adoptada polo Goberno municipal de non continuar executando a desinfección dos parques infantís e áreas biosaudábeis da cidade, como estaba a facer desde a súa reapertura no final do confinamento.
«É unha decisión pouco razoábel, pouco razoada e moi difícil de xustificar», resumiu o concelleiro do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas. «O único argumento que se utiliza polo Goberno municipal é o custe estimado de 1,5 millóns de euros ao ano, cando o Concello dispón de 270 millóns de euros de orzamento dos que unha boa parte non se van poder executar este ano. Non hai polo tanto un problema de falla de recursos», explicou. Emporiso, sinalou que «non podemos compartir a decisión de fechar a metade dos parques infantís de maneira unilateral, por sorpresa en medio dunha fin de semana festiva»
A fronte nacionalista expresou, no entanto, o seu acordo co Goberno local en demandar que a Xunta de Galiza transfira aos concellos os recursos necesarios para asumir custos extraordinarios derivados da pandemia, como a desinfección de espazos públicos.
As crianzas non teñen culpa
«O que lle queremos dicir a Abel Caballero é que as nenas e os nenos de Vigo non teñen a culpa, non son responsábeis de que a Xunta non transfira eses recursos. As familias non poden entender como habendo recursos municipais se fechan a metade dos parques infantís da cidade, unicamente para utilizar as crianzas de Vigo como arma arreboladiza na disputa permanente entre Concello e Xunta», criticou o portavoz municipal nacionalista.
Desde o Bloque agardan unha rectificación e que nos próximos días se proceda a reiniciar a desinfección de todos os parques infantís da cidade, e que volvan estar abertos de maneira segura para o desfrute dos e das máis pequenas.
Zonas cubertas
Igrexas tamén demandou que en lugar de fechar inxustificadamente os parques o Concello estude a implantación de medidas que permitan a súa utilización en días de choiva, nun contexto onde as restricións sanitarias de aforo van facer que as opcións de lecer en lugares fechados estean moi limitadas. Nese sentido, reiteran a proposta de instalar zonas cubertas nos parques que fagan posíbel o seu uso no maior número de días posíbel.