O Bloque Nacionalista Galego de Vigo informou este mércores de que vén de esixir ás autoridades competentes que actúen de inmediato «diante da situación que se está a vivir en moitos centros de traballo» da cidade. «Non se están a respeitar as mínimas garantías preventivas fronte o coronavirus, e concretamente pola situación límite no sector dos centros de chamadas que representa máis de 2 mil empregos», sinala.
“É intolerábel que se continúe a permitir que se traballe sen as mínimas condicións de seguridade e saúde laboral, e que en medio dunha alerta sanitaria, baixo un estado de alarma fronte a unha pandemia sen precedentes, a autoridade laboral olle para outro lado e a Xunta de Galiza non exerza as súas competencias”, denunciou o concelleiro do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas.
Igrexas preguntouse que “está a facer a Inspección de Traballo e a que está a esperar a Dirección Xeral de Saúde Pública”. O edil nacionalista urxe a que naqueles centros de traballo onde non se garantan as condicións preventivas se proceda á súa clausura. Cualifica de “irresponsábel” o empresariado por “poñer por acima o seu lucro privado mesmo sobre o dereito a saúde do seu persoal”, especialmente en sectores como os centros de chamadas que polas súas características organizativas e produtivas podería manter o servizo a través do teletraballo.
Unísono
Este martes confirmouse o primeiro positivo en Covid19 nun dos centros de chamadas da empresa Unísono, tras varios días de denuncias por parte do seu persoal de que se estaban a incumprir de maneira grave e reiterada os protocolos preventivos. Así, o comité de empresa tentou esta mañá, ao abeiro do artigo 21 da lei de prevención de riscos laborais, suspender a actividade. No entanto, a empresa négase até o momento a proceder ao feche e tería ameazado ao seu persoal con sancións no caso de que se ausenten.
“O dereito dos traballadores e traballadoras á saúde e garantir a efectividade das medidas de prevención colectiva, como o confinamento, non se poden ver ameazados por decisións empresariais nin pola inacción da Inspección de Traballo e de Sanidade”, afirmou Igrexas advertindo de que desde este momento as nacionalistas farán responsábeis as autoridades competentes de calquera consecuencia de manter a actividade nesta situación.