Xabier Pérez Igrexas (Vigo, 1984) repite como cabeza de lista do Bloque Nacionalista Galego (BNG) nas elección municipais do 28 de maio. O candidato está convencido de que a forza nacionalista –que conta cun único concelleiro no pleno de Vigo- vai dar “un grande salto” nos vindeiros comicios. Argumenta a súa convicción no inxente traballo realizado durante estes catro anos na oposición e a simpatía cara ao BNG que percibe cada día na rúa.
-Que é o máis importante que precisa Vigo?
-Devolverlle o concello á cidadanía, ás viguesas e aos vigueses. Nós temos unha administración local cunha enorme capacidade. Un concello que nunca tivo tantos recursos na historia e o que vemos é como eses recursos non se están utilizando para atender as necesidades da cidade e mantense un evidente e moi inxusto abandono dos barrios e parroquias.
Hai que ofrecerlle moito máis que memes virais para ver se nos colamos nalgún informativo do Estado con algunha gracieta ou con algún baile
O que temos que conseguir é que as viguesas e os vigueses poidan esperar do Concello algo máis que grandes anuncios, infografías que se repiten, proxectos que se anuncian vinte veces e nin sequera se licitan como é o caso da biblioteca de Teis. Desde logo a cidadanía merece un Concello que mire por Vigo en lugar de ter un goberno que se mira o embigo todo o tempo. Hai que ofrecerlle moito máis que memes virais para ver se nos colamos nalgún informativo do Estado con algunha gracieta ou con algún baile e nós cremos que hai as condicións para superar esta inercia paralizante que está deixando a cidade atrás e para volver poñer en marcha a maior cidade de Galicia. Hai moitas viguesas e vigueses que non se conforman, que senten que a cidade quere máis e que queren avanzar cara un Vigo máis habitábel, máis verde, socialmente máis xusto, igualitario, que volva ser pulmón industrial e que se volva referenciar como vangarda da creación cultural en Galicia e un Vigo que asuma o seu papel como maior cidade deste país e por tanto exerza de motor de todo un país fronte a esa política que nos empequenece.
Vigo nunca tivo tantos recursos na historia e non se están utilizando para atender as necesidades
-Que é o máis urxente que precisa a cidade?
-Enfrontar o contexto social. O concello ten todas a condicións para configurarse como un verdadeiro parapeto social fronte á crise. Cremos que o urxente é mobilizar todos os recursos que ten o concello para atender as persoas e ás familias en maior situación de vulnerabilidade. É moi difícil de explicar que nunha cidade na que se podan enterrar máis de 12 millóns de euros nun ascensor de Star Trek, como é o Halo, haxa moitas familias ás que se lles di que non se pode axudar máis cando falan cunha traballadora ou traballador social.
-Que obxectivos se marcan de cara ao 28 de maio? Hai optimismo tendo en conta os bos resultados nas pasadas autonómicas, cando case 32.000 vigueses votaron BNG?
-Nós estamos vendo a pé de rúa que non deixa de medrar a onda de simpatía cara ao BNG. Imos cara ao 28 de maio sen límites, con toda a ambición. Cremos que durante este mandato demostramos que, a pesar de termos un único asento no salón de plenos, nos convertemos nunha auténtica referencia nas forzas da oposición. Durante estes case catro anos cun único concelleiro puxemos enriba da mesa máis 850 propostas, iniciativas ou alternativas. Acompañamos cada crítica dunha solución e fixemos unha aposta por facer política en serio. O que necesita a cidade é un proxecto solvente e rigoroso e cremos que hai espazo. No 2020 case 32.000 vigueses colleron a papeleta do BNG para empurrar o cambio en Galicia e nós dicimos que o cambio en Galicia necesita un motor potente en Vigo. E eu estou certo de que vamos a conseguir seguir sumando e que imos dar un grande salto nas seguintes eleccións municipais.
-A súa candidatura cedeulle o protagonismo aos cidadáns coa difusión dun formulario web e e outras accións para recadar ideas para levar a Vigo “máis alá”. Como foi esta iniciativa?
-Esta iniciativa enmárcase dentro da nosa idea de elaborar un programa contando con todos. En xeral o que se constata é a desatención do goberno municipal da cidade do que son as necesidades reais dos cidadáns. Desde cousas tan perentorias como beirarrúas que poden permanecer durante anos sen ser amañadas ou un muro como o do Freixeiro que pode estar catro anos tirado, até cuestións que chaman poderosamente a atención como é que sistematicamente se prometan as mesmas actuacións, os mesmos proxectos, que se anuncien e que se orzamenten pero que logo non se fagan realidade como o novo pavillón de deportes de Matamá.
Nós dicimos que o cambio en Galicia necesita un motor potente en Vigo
-Que lle pide a xente?
-Hai algúns elementos recorrentes. Un é o problema grave da mobilidade en Vigo. Non temos un servizo de autobús que estea á altura para unha cidade de 300.000 habitantes. Outra é todo o que ten que ver con como enfrontar o agravamento da crise tanto co que ten que ver co impacto que está a ter co aumento da pobreza. Unha cidade que ten actualmente, segundo o índice Arope, máis de 60.000 persoas en risco de exclusión social e pobreza; onde hai filas da fame; onde hai moitas familias traballadoras, incluso con salario, que o están pasando realmente mal. Dentro desta falla de resposta ao durísimo contexto social hai un elemento clamoroso que é a falla de política de vivenda. Nos últimos cinco anos o prezo dos alugueiros en Vigo incrementouse por volta dun 50%, temos xa micropisos, estudos de apenas 25 metros cadrados que están aproximándose aos 500 euros mensuais. Temos xa habitacións en piso compartido que custan 360 euros, temos un prezo medio que está roldando os 800 euros xa.
-A nivel social o concello acaba de achegar aos cidadáns un bono con 205 euros por alumno para libros
-Podemos pensar que é casualidade. Que a cinco semanas dunhas eleccións municipais o concello fai o desembolso da maior axuda directa á cidadanía dos últimos 16 anos. Eu creo que o verdadeiro problema non é cando se paga senón a que responde e creo que é unha medida que ralla a estafa, porque se aproveita dun contexto de enorme dificultade para a maioría social, onde hai moitos fogares onde cada día 15 xa é final de mes e o mesmo concello que tarda arredor de 7 ou 8 semanas e darche cita co traballador ou traballadora social, o mesmo concello que deixou o ano pasado medio millón de euros sen executar das axudas sociais de emerxencia ou que para este 2023 recortou un 22% as axudas sociais decide sacarse da manga nun xesto de evidente desesperación electoral unha medida que emula o cheque de libros de Isabel Díaz Ayuso, sen ningún tipo de umbral de renda nin limitación.
O bono para libros é un novo truco nesta permanente campaña propagandística
Nós dicimos que probablemente haberá moitas familias que precisen máis axuda que eses 205 euros e se cadra hai algunhas persoas que a solicitan que non a precisan. Esta tarifa plana que é unha barra libre a poucas semanas dunhas eleccións soa a intento de camuflar a falla de política social que ten un goberno municipal que olla para outro lado. Un goberno que se atreve a dicir que ninguén durme na rúa a pesar de que o seu propio albergue municipal di que hai máis de 300 persoas distintas cada anos que fan uso dun albergue con 38 camas. Por tanto é un xogo, un novo truco nesta permanente campaña propagandística.
-Tamén a nivel social anunciouse a nivel nacional a posta a disposición dos pisos da Sareb, unha medida cuxa repercusión en Vigo aínda non está moi clara
-En Vigo hai algo máis de 200 vivendas que son titularidade da Sareb. 155 delas son unha nova promoción que está por estrear e que a Sareb está agora mesmo desfacéndose delas de maneira clandestina para vendelas a prezo de mercado na rúa Aragón. Nós, como BNG, levamos moito tempo a reclamar que se articule na maior cidade deste país un grande parque público de vivenda social, que ten que incorporar esa grande cantidade de vivenda desocupada que está en mans da Sareb ou de entidades bancarias que foron rescatadas con diñeiro público. É un sinsentido que nunha cidade que ten 18.500 pisos baleiros haxa cada vez menos xente que non ten casa. Vigo representa case a metade do total de demandantes de vivenda protexida de Galicia, con case 6.000 familias rexistradas. É unha medida que no BNG leva moito tempo a demandar, pero ollo á letra pequena do que se anuncia de maneira electoralista por parte goberno español: que queren que repaguemos vivendas que xa pagamos con diñeiro público.
Vigo representa case a metade do total de demandantes de vivenda protexida de Galicia, con case 6.000 familias rexistradas
Todos eses activos que acabaron na Sareb son o resultado dun rescate de 90.000 millóns de euros que a banca privada non devolveu. Unha grande parte deses activos tóxicos eran de carácter inmobiliario que acabaron no que se chama hoxe como banco malo e que polo tanto son vivendas que xa pagamos con diñeiro público. Agora o que pretende o goberno español é que a Sareb libere o stock que non foi capaz de colocar durante estes anos, pero iso si, que paguen as comunidades autónomas e os concellos. E nós dicimos que esa non é a solución.
-E cal sería a súa proposta en materia de vivenda?
-O actual alcalde prometeu no ano 2007 que ía facer 6.000 vivendas protexidas en catro anos. Pasaron 16 e non fixo nin 6.000, nin 600, nin 60 nin 6. O concello de Vigo non promoveu ningunha soa vivenda e nós dicimos que neste contexto hai que promover unha política enérxica, con intervención desde o público. E un Concello de Vigo que durante os últimos catro anos deixou sen gastar 436 millóns dos sucesivos orzamentos municipais, ben podía ter destinado unha parte importante deses recursos a promover vivenda protexida, a potenciar e estimular o cooperativismo na vivenda e sobre todo a tentar intervir para facer máis alcanzábel o prezo da vivenda en Vigo. Nunha cidade onde hoxe temos case o duplo de pisos turísticos que vivendas dispoñíbeis para alugueiro residencial.
-O turismo en Vigo está a funcionar moi ben
-Todo depende de se tomamos como referencia os datos inventados do goberno municipal. É imposíbel que o Nadal de Vigo xere 5,4 millóns de visitas. E este ano estima poden ser 7, 8 ou 9. É unha marxe ampla… Igual que é imposíbel un retorno de 1.000 millóns de euros no último Nadal. Non é que o diga o BNG nin é xogar ao Grinch. É imposible que haxa un retorno dese calibre e que a día de hoxe, con datos da última EPA dispoñíbel, en Vigo haxa 4.200 postos de traballo menos dos que había en 2019.
É imposíbel que o Nadal de Vigo xere 5,4 millóns de visitas
-En toda a cidade?
-Si, en toda a cidade. Polo tanto, é moi difícil crer que un impacto de 1.000 millóns de euros, que é multiplicar por cinco o orzamento do concello de Vigo, non se traduza nin na creación de emprego nin na creación de tecido produtivo. Vigo non é unha cidade turística. Temos un número de prazas hoteleiras limitado e felizmente Vigo o que é, o que foi e o que ten que volver ser é o pulmón produtivo, industrial de Galicia. Arrepía escoitar a alguén, que seica é catedrático de Economía afirmar que a segunda industria de Vigo, despois da automoción son as luces do Nadal. É algo que non ten ningún tipo de sustento máis alá da fabulación. Arrepía tendo en conta que o sector pesca e o complexo mar- industria só en Vigo representan 32.000 postos de traballo, tendo en conta que temos outros sectores como o metal. O problema é en que quere converterse a cidade.
-Cal é para o BNG o futuro de Vigo?
-Nós dicimos que o futuro de Vigo non é ser un parque temático. Non pasa nin polo monocultivo das luces, que defende con entusiasmo o actual goberno, nin polo monocultivo do Xacobeo, que parece a única alternativa que ten o Partido Popular. Trátase de blindar as potencialidades produtivas que ten a cidade, pero tamén desenvolver o enorme potencial que ten Vigo como cidade universitaria para nos converter na capital galega da innovación, da tecnoloxía, das comunicacións, na capital galega do futuro. Diversificando actividade pero apostando por aquelas que xeran valor engadido.
-Falan tamén no seu programa de que Vigo se está a quedar atrás. En que, concretamente?
-Cando apagan as luces coas que nos queren cegar nós o que vemos é unha cidade que ten menos emprego do que había antes da pandemia. Hai 11.000 postos de traballo menos dos que había no ano 2009, sete de cada dez destruíronse en actividades industriais; temos un sector da automoción atravesando serias dificultades; temos a construción naval en mínimos, nunha situación de case coma produtivo, que chegou a ter 10.000 postos de traballo e hoxe apenas supera o millar. Hoxe en Vigo hai 18.000 persoas no desemprego. Hoxe Vigo non aporta en relación nin ao seu peso poboacional nin en proporción ao número de empresas, nin tan sequera en relación ao volume de ingresos. A área de Vigo está representando agora mesmo un terzo do que algunha outra área do norte do país aporta en valor engadido. Eses elementos deberían chamar a atención ao respecto de que hai que darlle un novo impulso. Pero logo o que vemos é que non hai un só ámbito da política municipal onde a cidade teña avanzado nos últimos anos.
-¿Constatan, entón, un retroceso na acción de todas as áreas de goberno?
-Si. Se falamos de cultura vemos como se fixeron desaparecer máis de 20 programas culturais; hoxe os museos teñen a metade das visitas que tiñan no 2011; desde hai 12 anos non se abre unha soa nova biblioteca e si salas de lectura onde non hai que ler. Se vamos ao ámbito deportivo vemos o espectáculo indecente dunhas pistas de atletismo que caen a cachos e noin se cumpre co convenio que está subscrito desde o ano 2008 para poder reformar as pistas. Hai clubs que compiten nas súas primeiras categorías e que sendo de Vigo teñen que competir como locais desde Xixón, como foi o caso dun club de béisbol. E sobre todo o maior retroceso está na calidade democrática e participación cidadá. Nunha se fixo un uso tan abafante dunha lexítima maioría absoluta que se converteu con evidentes tics autoritarios nunha especie de lei do aquí mando yo e ninguén máis. E vemos como efectivamente non se conta con ninguén para nada e logo está quedando atrás porque uns e outros están xogando a ese xogo perverso de canto peor mellor.
Nunca se fixo un uso tan abafante dunha lexítima maioría absoluta
Eu teño a certeza de que tanto o Partido Popular como o Partido Socialista desde a Xunta ou desde o Concello ambos os dous cren que gañan algo. Abel Caballero ten un inimigo exterior ao que poder responsabilizar de todo, tamén da inacción do seu propio goberno, da falla de proxecto e de xestión. Pero vemos tamén como a Xunta de Galicia ten unha coartada magnífica nese enfrontamento que chega ao nivel de non ser capaz nin de reunirse. Nós cremos que hai que poñer a cidade por diante. Nesta política de lea permanente, de confrontación partidista, este modelo que amuralla a cidade, que a empequenece, que nos enfronta con todos por todo non se sabe para que, o mellor hai quen cre que lle dá réditos electorais, pero quen perde seguro é Vigo.
-Que está a pasar co urbanismo en Vigo?
-Se hai un ámbito onde é máis evidente o nivel de irresponsabilidade do actual goberno municipal é o urbanismo.O que matou o plan xeral de 2008 non foi un erro na tramitación administrativa, foi a falla de consenso. A cidade ten que aprender diso. Vigo non vai dotarse dun plan xeral duradeiro e útil para a cidade mentres non sexa un plan xeral elaborado coa maior transparencia, diálogo e participación e que poña o foco no interese público. Pero presenciamos un proceso obsceno de elaboración dun plan xeral na escuridade dos despachos. Sen escoitar a ninguén, sen contrastar con ninguén. É a primeira vez na historia da cidade que un planeamento urbanístico se aproba inicialmente só co apoio dun grupo político. E desde logo creo que dá o nivel de cómo de coxo nace o novo planeamento.
-¿E sobre a tramitación?
-Estamos vendo como a tramitación é un verdadeiro delirio de irresponsabilidade. A concelleira de urbanismo decidiu resolver de maneira ilegal a suspensión do cómputo do prazo de vixencia do instrumento de ordenación provisional, que en realidade é intentar poñer en pausa a tramitación do novo plan xeral, pero a día de hoxe nada sabemos da perspectiva de ditame sobre as miles de alegacións que recibiu este documento de aprobación inicial e por non saber nin que pensa a equipa redactora. O que estamos vendo o ilustra Cabo Estai. É un exemplo de manual do que é urbanismo de apelidos. Esa barra libre de pelotazos a pé de costa é un escándalo. É indecente escoitar á señora Caride dicir que non sabía nada. A asociación veciñal de San Miguel de Oia leva meses denunciando o que todo o mundo sabía. Eu como concelleiro do BNG interpelei en varias ocasións advertindo da ilegalidade desta actuación.
-En que consistiu exactamente a ilegalidade?
-Pois en que había varias parcelas que non podían edificar segundo o novo plan xeral, pero os seus propietarios de grandes apelidos deciden usurpar parcelas lindeiras para incorporar ás súas parcelas unha faixa de seis metros de largo qué é exactamente o que eles pedían para poñer en marcha unha estrada que permitise construír seis novos chalés. Fan a escritura, amplían as parcelas, inician o proceso da construción da vía, que se cede ao concello de Vigo e agora estaba en tramitación nunha zona onde non se pode construír. Todo isto mentres o groso das familias están sufrindo as consecuencias da parálise do planeamento.
Test: os gustos do candidato
- Recanto favorito de Vigo
- O mirador do Paseo de Alfonso
- O último libro que leu o que está a ler
- ‘Multitudes’, de María Reimóndez.
- Unha canción
- ‘O que ha chegar’, de Guadi Galego
- Unha película imprescindible
- ‘O club do poetas mortos’
- O seu prato favorito
- Pementos recheos
- ¿É deportista?
- Deporte pouco
- Con que ri?
- Río moito cos amigos e amigas e con algunha serie
- Que non soporta?
- O cinismo.
- Un desexo confesable
- Facer avanzar a cidade