O Bloque Nacionalista Galego vén de demandar un incremento substancial dos investimentos para a cidade de Vigo no proxecto de orzamentos da Xunta para o ano 2022. Desde a fronte nacionalista cualifican as contas elaboradas polo PP como «inxustas e inutéis», polo que presentaron unha batería de emendas por valor de 94 millóns de euros que buscan rematar coa «política de abandono contra Vigo» e enfrontar os graves efectos derivados da crise provocada pola pandemia.
«Estes orzamentos son inxustos porque insisten na política de total abandono que a Xunta do PP practica contra a maior cidade de Galiza, e inúteis porque non responden ao contexto de grave crise social, laboral, produtiva e comercial que atravesa Vigo», valorou o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas. «Estas contas demostran que o Partido Popular de Feixóo, pero tamén de Marta Fernández-Tapias e de Javier Guerra, non ten nada que ofrecerlle a Vigo», remachou.
O portavoz municipal nacionalista apuntou catro grandes eixos estratéxicos para mellorar os orzamentos da Xunta en 2022: a reactivación produtiva e económica fronte á crise industrial e laboral, fortalecer os servizos públicos contra os recortes e a privatización, atender importantes déficits históricos en infraestruturas e unha aposta pola sustentabilidade e a innovación. «Propostas en positivo que perseguen que a Xunta deixe de desertar das súas responsabilidades coa cidade, para que o Goberno galego exerza como tal tamén en Vigo», sinalou en rolda de prensa Igrexas, que presentou as emendas acompañado das deputadas no Parlamento galego, Carmela González e Alexandra Fernández.
Reactivación industrial
A deputada Carmela González expuso as principais medidas en materia económica a industrial diante do contexto de grave crise en Vigo, con 6.100 postos de traballo menos en actividades industriais que no ano 2009. «No proxecto de orzamentos da Xunta para 2022 hai cero euros para a industria e o emprego na cidade, cero euros para o naval e para a automoción», denunciou.
Nesa liña para reforzar a posición de Vigo como pulmón industrial do País, a fronte nacionalista reclamou a posta en marcha dun Plan Comarcal de Reindustrialización, dun Centro Metropolitano para o impulso tecnolóxico e un Centro de reparacións do Naval. «Emendas encamiñadas a impulsar un novo modelo económico, baseado na ciencia e na innovación, que modernicen os sectores produtivos estratéxicos para crear emprego de calidade e situarnos cunha posición forte nunha economía globalizada», explicou González.
Rescate do Hospital Álvaro Cunqueiro
Desde o BNG insistiron na urxencia de reverter a política continuada de privatización e recortes do PP e dar un xiro radical para blindar e alargar os servizos públicos. «É preciso cambiar as políticas de austericidio que están provocando unha caída da sanidade pública, un empeoramento da educación pública, e un abandono absoluto da cultura», manifestou pola súa parte a deputada Alexandra Fernández.
Entre as emendas presentadas nesta materia destaca o rescate do Hospital Álvaro Cunqueiro para a xestión pública, así como o inicio das actuacións para absorber o centro privado de Povisa na rede sanitaria pública do Sergas. Desde a fronte nacionalista lembraron que a Xunta deriva cada ano 200 millóns de euros para «cebar estas empresas privadas».
No campo do ensino, as nacionalistas sinalaron como prioritario o aumento dos investimentos destinados a equipamentos nos centros educativos de Vigo. Entre eles, a construción dun IES en Navia, comprometido polo PP no pasado pero cunha partida «ridícula» de 50.000 euros no proxecto de contas. No mesmo barrio, demandan ademais unha biblioteca pública.
Déficits históricos en infraestruturas
Outro dos eixos de maior peso nas emendas formuladas polo BNG pasa por resolver déficits históricos coa cidade no terreo das infraestruturas e da mobilidade. A construción do túnel de Xulián Estévez e a prolongación do de Beiramar, o reforzo do transporte marítimo da Ría, o reforzo das conexións co Aeroporto de Peinador e a Universidade de Vigo e o estudo dun tren de proximidade que conecte Vigo cos áreas de Pontevedra e Tui son algunhas das principais propostas formuladas polo BNG.