O Bloque Nacionalista Galego volve demandar un Plan Municipal Facilitador do Alugueiro en Vigo diante das dificultades que padecen miles de viguesas e vigueses para acceder a unha vivenda. A fronte nacionalista propón que o Concello “asuma e responda” polos avais e seguros, así como unha liña de axudas para anticipar os pagos das fianzas e permitir a súa devolución en 24 meses sen xuros, en particular para a mocidade e persoas con baixos recursos.
“Urxe actuar nun momento no que son máis de 22.000 as vivendas baleiras en Vigo mentres miles de persoas literalmente non se poden permitir o luxo de vivir na nosa cidade polos prezos imposíbeis dos alugueiros”, esixiu o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, que chamou a converter esta cuestión nunha “verdadeira prioridade municipal”.
Nese sentido, Igrexas lamentou que o goberno municipal “vaia destinar unicamente 15.000 euros a un proxecto piloto de intermediación para alugar vivendas sociais”, en particular para familias en situación de vulnerabilidade, “malia contar cun orzamento de máis de 400 millóns”. “Non é momento de parches cosméticos ou de solucións para uns poucos casos; non valen programas piloto, é hora de actuar con determinación para garantir o primeiro dereito da cidadanía que é o de poder habitar a propia cidade”, valorou.
No entanto, o voceiro nacionalista saudou o cambio de parecer do alcalde, Abel Caballero, tras 16 anos sen desenvolver ningunha iniciativa para enfrontar o grave problema de acceso á vivenda. “Agora que Caballero xa deixou atrás a escusa de que non tiña competencias en materia de vivenda, o BNG pedímoslle que pase de xestos tímidos e faga desta cuestión unha prioridade a nivel municipal”, reclamou.
Afeou, porén, as reiteradas negativas do Goberno local ás propostas nacionalistas, como mobilizar case 3 millóns de euros nos orzamentos do vindeiro ano 2024 para a posta en marcha dunha Axencia Local de Vivenda Protexida e Social, para un programa de alternativas habitacionais e para despregar estas axudas municipais ao alugueiro.