O Bloque Nacionalista Galego denunciou este xoves o “veto antidemocrático” co que PSOE e PP van “amordazar” os galardóns Vigueses Distinguidos deste ano, impedindo que a Corporación Municipal poida votar este venres a proposta formulada pola fronte nacionalista para que este ano se recoñecera con esa honra ao grupo de apoio do colectivo musical La Insurgencia.
O concelleiro do Bloque en Vigo, Xabier P. Igrexas, criticou con dureza que ambos partidos sumaran os seus votos na Xunta de Voceiros para “impedir” que o nomeamento suxerido polo BNG se incorporase na proposta que se someterá a votación no Pleno.
Igrexas lembrou que se trata dun grupo de apoio que ten feito un enorme traballo en favor da liberdade de expresión e en contra da causa xudicial que vén de se saldar nunha condena “aberrante e máis propia dun réxime totalitario que dunha democracia que se di consolidada”, con penas de 6 meses de prisión, 8 anos de inhabilitación e multas de 1.200 euros contra un colectivo musical polos versos de varias das súas letras. Ademais, o edil nacionalista remarcou que 5 das 12 integrantes de La Insurgencia son viguesas e vigueses.
“Non sorprende a posición do PP, pero estamos a ver como o PSOE que prometeu até a extenuación que derrogaría a ‘Lei Mordaza’ agora lle vira as cotas a un grupo de artistas que ven conculcada a súa liberdade de expresión e creación cunha sentenza inxusta”, afirmou o edil.
Veto “antidemocrático”
O portavoz municipal nacionalista denunciou que “este veto antidemocrático devalúa as máximas distincións do Concello de Vigo, que deixan de ser un recoñecemento de toda a cidade para selo só dunha parte”.
Desde o BNG reclaman respecto cara a “pluralidade e diversidade da cidade” e lamentan que se lle negue ao Pleno a posibilidade de decidir se recoñecía ou non a loita por un dereito democrático fundamental e irrenunciábel como é a liberdade de expresión e creación. “Co seu sectarismo, PSOE e PP amordazan as Viguesas e Vigueses Distinguidos deste ano”, remacha Igrexas.