O Bloque Nacionalista Galego reclamou este luns a retirada de toda a simboloxía fascista das rúas de Vigo e denuncia a «impostura e cinismo» do Goberno de Abel Caballero coa memoria histórica. Así o afirmou o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, após celebrarse este pasado domingo o acto institucional do Concello de homenaxe aos alcaldes de Vigo e Lavadores, canda outros deputados e sindicalistas, asasinados en 1936 nos muros do cemiterio de Pereiró.
«Un recoñecemento necesario mais insuficiente», subliñou Igrexas, que afeou que 87 anos despois permanezan na cidade monumentos e símbolos erixidos polos responsábeis dos fusilamentos de Emilio Martínez Garrido, José Antela Conde e de «tantos e tantas demócratas de Vigo que defenderon mesmo coa súa vida a lexitimidade democrática fronte ao horror do nacionalcatolicismo».
Nese sentido, o portavoz nacionalista propuxo a creación dunha comisión municipal para avanzar na retirada efectiva de todos os símbolos e vestixios da «fatídica e infame» ditadura franquista, nomeadamente da cruz fascista do Castro, que «ofenden a todas e todos os demócratas da cidade».
«Dende o BNG non queremos que en Vigo quede o máis mínimo rastro desa etapa de terror, sangue e represión», asegurou Igrexas. «É momento de que o Concello de Vigo retome un compromiso real para a recuperación efectiva da memoria histórica e democrática», reclamou.
Na mesma liña, o voceiro do Bloque considerou necesario poñer en valor e dignificar os lugares da memoria na cidade. «Hai que lembrar a quen matou o fascismo, por que mataron e a que entregaron a súa vida os moitos heroes e heroínas que defenderon coa súa vida as liberdades democráticas que hoxe seguimos a reivindicar plenamente», remachou.