O Bloque Nacionalista Galego vén de esixir unha rectificación inmediata da Xunta pola suspensión da asistencia, agás urxencias ou casos Covid, en 14 centros da área sanitaria de Vigo. Unha delegación da fronte nacionalista, na que estiveron presentes cargos institucionais das comarcas afectadas e no Parlamento galego, concentrouse este venres diante da delegación da Xunta en Vigo para demandar un reforzo de persoal e recursos ante o colapso da Atención Primaria e reclamar a fin das políticas de recortes e privatización impulsadas polo goberno popular de Alberto Núñez Feixóo.
«Non podemos consentir que deixen sen atención a miles de veciños e veciñas, máis alá das urxencias hai moitas patoloxías que precisan de atención e non poden agardar», advertiu durante o acto a deputada e portavoz nacionalista de sanidade, Montserrat Prado. «É inaceptábel que a área sanitaria de Vigo reciba unha asistencia propia dunha época de guerra, que as e os profesionais teñan que escoller cada día a quen atenden e a quen non».
A deputada no Parlamento galego criticou que esta medida derive maior presión asistencial sobre as urxencias hospitalarias, que viven unha situación límite como a Atención Primaria. Nese sentido, alertou que esta falla de atención sanitaria, como ocorreu durante a fase máis aguda da pandemia, pode derivar en diagnósticos tardíos ou cronificar patoloxías.
Prado denunciou que a Consellaría de Sanidade tomou esta decisión sen falar con ninguén, nin cos representantes do persoal nin cos propios centros. «Unha mostra máis de desantención e desconsideración cara eses profesionais que levan dado absolutamente todo», valorou a deputada nacionalista.
Consecuencia das políticas do PP
Desde o BNG consideran que esta «gravísima» situación non foi causada polo incremento de casos nesta sexta onda da pandemia, da que o PP «lonxe de tomar nota pisou o acelerador na súa estratexia de deterioro» da sanidade pública. «O colapso é consecuencia de 12 anos de recortes continuados, de non repoñer as xubilacións, de non atender as demandas da poboación, das e dos profesionais e de organizacións políticas como o Bloque que xa alertamos de que se produciría esta situación», asegurou Prado.
En particular, a portavoz nacionalista de sanidade lembrou que «chove sobre mollado» na área sanitaria de Vigo, que unha vez máis serve como «banco de probas» para o goberno de Feixóo. «O obxectivo do PP é apoiar a sanidade privada, pero non é posíbel engordala se non funciona mal a sanidade pública», explicou Prado. Salientou que esa decisión ideolóxica explica a situación crítica da Atención Primaria e o millonario trasvase de diñeiro público cara empresas privadas, como a concesionaria do Hospital Álvaro Cunqueiro ou Povisa.
Ofensiva do BNG pola sanidade pública
fronte nacionalista anunciou unha intensificación da súa ofensiva en defensa da sanidade pública. Por un lado, apoiando as mobilizacións e demandas veciñais e do persoal sanitario. Por outro, mediante a acción institucional tanto nos concellos afectados como no Parlamento galego. Nos pasados días, o BNG xa solicitou a comparecencia do conselleiro de Sanidade para que explique que «alternativa ten a veciñanza que deixan sen atención ordinaria».
Desde o Bloque instaron a un incremento orzamentario como primeiro paso para reverter esta situación, após reducir a Xunta as partidas destinadas á Atención Primaria este 2022. «Unha evidencia de que o PP non ten intención de rectificar na súa política», criticou Prado. Un aumento de recursos que debe ir acompañado, en opinión das nacionalistas, dun cambio nas condicións laborais con altas taxas de precariedade e temporalidade.»Se cae a Atención Primaria, cae o sistema sanitario. É a peza angular», destacou a portavoz nacionalista. Pediu tamén unha aposta por unha atención sanitaria máis integral, coa inclusión de profesionais no campo da psicoloxía clínica, que representan un 30% das consultas na Atención Primaria, de terapeutas ocupacionais, farmaceúticos clínicos, traballadoras sociais ou nutricionistas.