«É un momento magnífico para que o Concello reconsidere a súa posición, escoite aos veciños e impulse a musealización do barco», subliñou Carme Adán, quen salientou a importancia función didáctica e de atractivo turístico que deben ter os museos.
Precisamente a deputada nacionalista fixo referencia a un informe elaborado polo propio Museo do Mar, que ademais de explicar as características técnicas do buque, salienta a súa singularidade como parte do patrimonio industrial de Galiza e como achega ao seu desenvolvemento económico.
Este informe destaca ademais a necesidade de elaborar un proxecto integral de investigación, restauración e adecuación museográfica para o barco e asegura que o propio Museo do Mar de Galicia ten unhas instalacións idóneas para a súa exposición.
Para Carme Adán «compre ter en conta estas consideracións e potenciar a función didáctica dos museos», en concreto do Museo do Mar. Neste sentido lembrou que esta instalación cultural naceu para ser referencia do patrimonio marítimo de Galiza e que pode ser unha «gran contribución a este obxectivo explicar e visualizar in situ a historia da construción naval de pesqueiros de litoral e altura en Galiza durante a primeira metade do século XX».
Falta de respecto a democracia
«Estamos fartos das mentiras constantes do alcalde e cremos que merece contestación», subliñou Serafín Otero en relación as declaracións de Caballero sobre a postura do BNG desde que o barco foi doado ao Concello de Vigo no ano 2000.
Así, o candidato do Bloque as vindeiras municipais amosou as actas do pleno da corporación celebrado en abril de 2005 no que se aprobou investir 275.000 euros para a rehabilitación do barco. Tamén mostrou a acta da Xunta de Goberno que tivo lugar o 6 de xuño de 2005, na que hai unha proposta de inicio de expediente para rehabilitar o barco pero «na que nós non estabamos porque non formabamos parte dese goberno, presidido por Corina Porro».
Segundo resaltou Otero, estes datos demostran que «todo o que di o alcalde ao respecto é unha mentira constante». Ademais, acusou a Caballero dunha «falta total de respecto á democracia e a todos os vigueses e viguesas», ao non cumprir os acordos plenarios.
O candidato nacionalista recordou ademais o pasado do alcalde como ministro de Transportes. «A el, que tanto lle gusta falar do pasado, igual tamén hai que recordarlle que como ministro non favoreceu moito á cidade e que tivo moito que ver en que o aeroporto de Vigo non sexa máis importante e que o AVE aínda non chegue a Vigo».
115.000 euros en alumeado
Serafín Otero fixo referencia ao baile de cifras sobre a instalación do Bernardo Alfageme en Coia, e lembrou que só o alumeado ascende a 115.000 euros. «Se só poñer cables e luces custa iso, canto vai custar toda a instalación?», comentou o nacionalista, quen apuntou que eses mesmos cartos son os que se poderían utilizar para o seu traslado ao Museo do Mar.