O Bloque Nacionalista Galego puxo en marcha unha campaña nas redes para opoñerse ao «intento de incautación» por parte do Ministerio de Hacienda dos remanentes e excedentes orzamentarios do Concello de Vigo. A fronte nacionalista iniciou unha recollida de sinaturas, a través da plataforma dixital Change.org, para reclamar que «o Concello poida dispoñer libremente do cento por cento dos seus aforros, cifrados en arredor de 67 millóns de euros».
«O Partido Popular inmobilizou os remanentes, coa centralista e reaccionaria Lei Montoro, e agora o PSOE pretende entregarllos a Madrid. No momento no que son máis necesarios eses remanentes, Facenda pretende incautar 65% dos aforros de Vigo», explicou o concelleiro do Bloque na cidade, Xabier P. Igrexas.
O portavoz municipal nacionalista defendeu que estes recursos «permitirían despregar medidas moi importantes para enfrontar as consecuencias da pandemia, para alargar as políticas sociais e evitar que nigunha viguesa e ningún vigués quede atrás, e tamén para fortalecer o noso tecido produtivo e comercial e crear as condicións para xerar emprego».
A recollida de sinaturas ponse en marcha co obxectivo de forzar unha rectificación e esixir o dereito da cidade de dispoñer dos seus propios recursos. «Chamamos as viguesas e os vigueses a se mobilizar nas redes sociais e a través desta recollida de sinaturas, para obrigar o Goberno español a que desista deste intento de roubo do diñeiro que é da cidade, para que o Concello poida usalo para atender as necesidades da veciñanza», afirmou Igrexas.
Críticas ao papel de Caballero
Igrexas volveu criticar o cambio de posición de Abel Caballero, que pasou de reivindicar o uso dos remanentes a «patrocinar, como presidente da FEMP, este intento de apropiación por parte do Goberno central», acusándoo de «exercer de fontaneiro de Ferraz e da Moncloa na FEMP» en troca de facer valer os dereitos da cidade.
Nese sentido, lembrou que nas últimas semanas e meses «todas e cada unha das forzas políticas con representación no Concello, incluído o PSOE, defendemos que Vigo tiña que dispoñer de ningún tipo de condicionalidade do cento por cento dos seus remanentes».
A campaña de recollida de sinaturas é accesíbel desde: www.change.org/remanentesvigo