O Bloque Nacionalista Galego vén de lembrarlle expresamente ao alcalde de Vigo, Abel Caballero, a súa obriga legal de asistir e presidir as sesións plenarias. Fano, afirman, ante o risco de que o rexedor “fuxa” do pleno extraordinario que se celebrará este luns para abordar as graves irregularidades que envolven o frustrado patrocinio publicitario do concerto de Guns N’ Roses a través do que intentou utilizar irregularmente case 2 millóns de euros de diñeiro público.
A través dunha carta e diante dos reiteradas ausencias do rexedor no pleno, o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, recórdalle a Caballero que o Regulamento Orgánico do Pleno e a Lei de Administración Local de Galicia obrígano como alcalde a asistir e presidir as sesións. “Non cumprir con esa obriga legal, como ten sucedido de maneira reiterada, supón un inaceptábel desprezo en contra do máximo órgano de representación democrática da cidade que é o pleno municipal”, repróchalle.
No escrito, Igrexas insta expresamente ao rexedor a “cumprir coas obrigas que se derivan da súa condición de alcalde garantindo a súa presenza durante toda a sesión do pleno”. Aliás, para evitar o intento do goberno municipal de “amordazar” a sesión extraordinaria e atendendo a relevancia dos asuntos así como para favorecer o debate, o portavoz municipal nacionalista solicita que, ao abeiro do artigo 55.5 do Regulamento do Pleno, se dupliquen os tempos de intervención (de 5 a 10 minutos) e mais da quenda de réplica (de 3 a 6) que será partillada polos grupos municipais do BNG e do PP, por seren regulamentaria os promotores da convocatoria.
Tres propostas de acordo
O pleno terá que ditaminar tres propostas concretas de acordo, elaboradas polo BNG e ás que se sumou o Grupo Municipal do PP por esixencia do Regulamento Orgánico do Pleno. A primeira será a reprobación do alcalde pola “falla de transparencia e reiteradas falsidades”. A segunda proposta é crear unha Comisión Especial de Investigación para aclarar o sucedido e depurar as responsabilidades políticas. E, por último, abordarase a comparecencia perante o pleno da concelleira de Contratación e Festas, Patricia Rodríguez Calviño, sobre as xestións realizadas polo Goberno local, en particular, para a licitación do frustrado patrocinio publicitario.