O Bloque Nacionalista Galego trasladará ao Congreso, a través dunha iniciativa do seu deputado, Néstor Rego, o reclamo da veciñanza de Teis para que o Ministerio de Transportes e Audasa acometan as melloras necesarias nos pasos elevados da Xorxa e a Trapa, sobre a AP9, que permitan o seu uso seguro por vehículos e peóns.
Así o anunciou este luns o concelleiro do Bloque na cidade olívica, Xabier P. Igrexas, que criticou a resposta evasiva por parte do Ministerio a unha pregunta da Asociación Veciñal de Teis. “Os pasos da Xorxa e a Trapa son imprescindíbeis para evitar que estas zonas do barrio de Teis fiquen incomunicadas”, explicou, rexeitando a pretensión do Ministerio de reducilos a pasarelas de uso peonil.
Diante da “falla de resposta” do Goberno español, o BNG levará a reivindicación da veciñanza de Teis ao Congreso urxindo un compromiso claro para executar melloras nun pasos elevados nos que non se actuou nas últimas catro décadas.
Igrexas tamén lamentou a falla de actuación por parte do Goberno municipal nesta cuestión. “Malia os titulares e as declaracións, o alcalde non fixo ningunha xestión”, reprochou.