A iniciativa pretende que o Concello se posicione de maneira “clara e rotunda” en contra de que se practiquen novos aterramentos. No concreto, demandan que a Corporación Municipal inste a Autoridade Portuaria a anular os aterramentos anunciados publicamente, como son a ampliación da terminal de Bouzas, o recheo no Areal, o de Rande, o proxectado a carón da lonxa do Berbés “e calquera outro no ámbito litoral da Ría de Vigo”.
A plataforma aposta polo desenvolvemento “racional e sustentábel” do Porto, para o que esixe que toda a superficie portuaria estea ocupada só por instalacións ligadas á actividade portuaria e tamén a que se impulse o porto seco na PLISAN e se conecte con ferrocarril a terminal de Bouzas. “O porto de Vigo é un importante motor económico e produtivo para a cidade, pero queremos que se desenvolva desde o máximo respeito ambiental e con racionalidade na planificación”, explicou Igrexas lembrando que, na actualidade, a Autoridade Portuaria carece de Delimitación de Espazos e Usos Portuarios e de Plan Especial.
A moción do Bloque insta tamén a que os representantes do Concello no Consello de Administración da Autoridade Portuaria defendan en nome da cidade a oposición a novos recheos.
Igrexas cuestionou que os proxectos de recheo carecen de toda xustificación e que constitúen “unha clara agresión ambiental contra un ecosistema de enorme valor”, en alusión á ría. “Vigo xa lle gañamos ao mar con cemento máis de 3 millóns de metros cadrados. O tempo dos recheos rematou”, enfatizou o portavoz nacionalista quen concluíu afirmando que “o futuro da cidade só pode ser verde”.