O concelleiro Xabier Pérez Igrexas entende que a cidade “xa está saturada” de centros comerciais e apunta que algúns deles están “en proceso de desertización”. A este respecto lamentou que o Goberno municipal do PSOE volva insistir en apoiar un modelo que ao seu xuízo xa se ten demostrado “rotundamente fracasado” noutras cidades. “O que vemos é como cando se abre un novo centro, as tendas trasládanse fechando no que xa estaban. Basta percorrer os centros comerciais existentes na cidade para ver cantos locais fecharon”
“A proliferación de grandes centros comerciais non só non crea máis economía, nin emprego, senón que destrúe o pequeno e mediano comercio que é quen vertebra a cidade, dinamiza os barrios e crea emprego estábel”, valorou Igrexas. “A diferenza entre as cidades-dormitorio e as cidades habitábeis radica precisamente no tecido comercial local, diversificado, descentralizado e de proximidade”, acrecentou.
Falla de interese xeral
Desde o Bloque discrepan que o proxecto de Cruceiro teña ningún tipo de interese xeral, como argumenta o Goberno municipal para evitar que se someta a unha máis completa avaliación ambiental. “Ceder unha faixa de rúa de 30 metros non xustifica un verdadeiro interese xeral. É máis ben a coartada para acelerar e facilitar a posta en marcha do proxecto”, retrucan.
Fronte a aposta por un “modelo especulativo, de pelotazos coa construción dos centros máis que coa súa actividade comercial”, o BNG urxe un maior apoio ao comercio local e a dinamización dos mercados municipais.
“Detrás destes grandes centros quen adoitan estar son corporacións transnacionais ou fondos especulativos, que en nada van beneficiar o tecido produtivo desta cidade nin deste país, e que só contribúen a concentrar a oferta comercial e a precarizar as condicións laborais no sector”, sostén Igrexas. Emporiso, o nacionalista volveu demandar que se aplique unha moratoria de dez anos na concesión de novas licenzas para este tipo de estabelecementos.