O Bloque Nacionalista Galego pediu este martes ao Concello de Vigo que permita usar o pavillón de Romil ao alumnado do colexio público Doutor Fleming en horario de mañá. A fronte nacionalista lamenta as continuas “escusas” do Goberno municipal para cumprir con esta promesa realizada hai dous anos polo alcalde, Abel Caballero, á comunidade educativa.
“É unha débeda histórica coas 600 alumnas e alumnos deste colexio, un dos de maior matriculación de toda a cidade”, defendeu o concelleiro do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, tras manter unha xuntanza con representantes da ANPA, que trasladaron o seu malestar polas continuas evasivas que reciben do Concello.
Igrexas asegurou que non existe xustificación para que o alumnado do Doutor Fleming siga sen dispoñer de espazos necesarios para a práctica deportiva mentres o pavillón de Romil, a carón do centro educativo, continúa “absolutamente infrautilizado”. Desde o colexio mesmo habilitaron un acceso directo ao pavillón, porén o Concello só prevé autorizar o uso parcial, concretamente do seu andar superior, un espazo que non contaría coas condicións de seguridade axeitadas para a práctica deportiva que precisa o alumnado.
Nese sentido, o edil nacionalista reiterou o “completo apoio” do BNG ás reivindicacións das familias e do alumnado, que xa trasladara nos pasados meses tanto na Comisión Informativa de Deportes como no pleno municipal “a pesar de que a propia concellería de Deportes que dirixe Manel Fernández continúa a facer ouvidos xordos en lugar de buscar solucións”.