O Bloque Nacionalista Galego anunciou esta mañá que se dirixirán de inmediato ao concelleiro de Cultura, Abel Losada, para demandar que actúe contra a empresa Seguridade A1, que é a que presta o servizo de seguridade para a Rede Museística municipal, polos seus reiterados incumprimentos.
O portavoz municipal do Bloque, Xabier P. Igrexas denuncia que a empresa inda non aboou a paga extra de nadal aos seus traballadores. Aliás, o edil sinala que son reiterados os incumprimentos das súas obrigas, entre os que citou que non teña renovado a uniformidade e roupa de traballo do persoal e que tampouco realizara a formación anual obrigatoria.
A situación económica da empresa, que xa tivo salarios pendentes o ano pasado, podería sufrir novos embargos nas súas contas, poñendo en risco mesmo a capacidade para pagar sos salarios ordinarios a pesar de que recibe puntualmente as transferencias do Concello de Vigo.
Medidas
“O Goberno municipal e, singularmente, Abel Losada non poden seguir ollando para outro lado. Son traballadores que prestan un servizo para o Concello de Vigo financiado con recursos do Concello de Vigo”, expresou o concelleiro nacionalista reclamando que se adopten decisións con urxencia perante unha situación que é coñecida polo executivo local desde hai varias semanas.
Para a fronte nacionalista o Concello ten que garantir que empresas que reciben diñeiro público, como é o caso, cumpren escrupulosamente coas súas obrigas, tanto co servizo como especialmente as condicións laborais e salariais do seus traballadores. “Non podemos permitir que unha empresa que recibe diñeiro do Concello non pague ao seu persoal”, enfatizou Igrexas, para o que demanda que se utilicen todos os mecanismos legais previstos para resolver esta situación.