O Bloque Nacionalista Galego anunciou este sábado que proporá ao Grupo de Apoio do Colectivo Musical ‘La Insurgencia’ para ser recoñecido como Vigueses Distinguidos deste ano. “Seis meses de prisión, oito anos de inhabilitación e multas de mil douscentos euros por uns versos en letras de cancións rap. Non é unha sentenza da Arabia Saudita, é un fallo xudicial do Tribunal Supremo español”. Desta maneira, sinalou o concelleiro do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas, o carácter “aberrante e inxusto” da sentenza contra o Colectivo Musical ‘La Insurgencia’, dos que 5 das súas 12 integrantes son de Vigo.
Igrexas defendeu a concesión do título de Vigueses/as Distinguidos/as ao Grupo de Apoio a ‘La Insurgencia’ polo “seu inxente labor e activismo, non só para denunciar ese incomprensíbel proceso xudicial, máis propio da censura doutra época, senón para defender as liberdades civís e o dereito irrenunciábel á plena liberdade de expresión”.
Para o portavoz municipal nacionalista, a causa contra ‘La Insurgencia’ deixa en evidencia ao réxime político español, que malia se presentar como “unha democracia presuntamente consolidada”, demostra con sentenzas como a ditada contra este colectivo musical por causa dunhas letras que “actúa con puño de ferro contra os febles, restrinxindo dereitos democráticos, pero con man de seda cos poderosos e os corruptos de pescozo branco”.
“Se algo define a historia de Vigo, como urbe moderna e de vangarda, é que se construíu sobre unha permanente defensa das liberdades. A loita en defensa da liberdade de creación e expresión merece do maior recoñecemento da nosa cidade”, remachou.