O BNG interpelou este mércores ao goberno local de Vigo na Comisión Informativa de Festas sobre a implementación de faixas horarias sen música e pirotecnia silenciosa nas festas.
Para o concelleiro Xabier P. Igrexas estas medidas permitirían avanzar cara a uns festexos máis inclusivos. «Serían máis accesíbeis para as persoas con diversidade funcional e sensibilidade acústica e tamén máis respectuosas cos animais», sinalou.
O edil apuntou que é unha demanda do tecido asociativo que traballa no campo da diversidade funcional e no ámbito dos trastornos do espectro autista (TEA). Explica Igrexas que as persoas con estas dolencias sofren un impacto negativo polo exceso de ruído. «Son numerosos os estudos que apuntan aos graves prexuízos que causa a pirotecnia convencional tanto en animais de compañía como en fauna salvaxe», indica.
“Trátase de medidas que xa se están a aplicar noutros concellos e que demostrarían un compromiso real coa inclusión, cunhas festas que sexan para todas e todos”, defendeu o portavoz municipal nacionalista.