“O Partido Popular terá que definirse dunha vez, deixando esa ambigüidade cínica coa que en Vigo din non ter claro apoiar ou rexeitar Porto Cabral”, defendeu o responsable local do BNG, Serafín Otero, que ofreceu unha rolda de prensa o deputado Luis Bará e representantes dos comuneiros de Cabral que son contrarios ao proxecto.
Nas preguntas formuladas, reclamarase ao Executivo galego que aclare que opinión ten sobre a proposta comercial e que dea explicacións sobre se mantivo algún encontro cos seus promotores.
Ademais, a fronte nacionalista interrogará a Xunta en relación a que iniciativas ten adoptado para “velar polo bo funcionamento da Comunidade de Montes de Cabral”, que é titular de 300 mil metros cadrados de monte comunal que podería verse afectado polo proxecto.
Neste sentido, o Bloque faise eco das denuncias de irregularidades e dun funcionamento opaco formuladas por unha parte dos comuneiros. Con carácter xeral, o Goberno galego terá que dar conta de que decisión ten previstas para frear a proliferación de grandes superficies comerciais no noso país.
O grupo parlamentario nacionalista rexistrou tamén unha Proposición Non de Lei na que insta ao Goberno presidido por Alberto Núñez Feijóo a desenvolver un plan sectorial de equipamentos comerciais en Galiza e aprobar unha moratoria de dez anos na concesión de licenzas para grandes áreas comerciais no Concello de Vigo.
Estas medidas xa foron demandadas polo BNG na altura do ano 2009 recibindo o voto en contra do Partido Popular. Por outra parte a proposición reclama á administración autonómica que exerza o control preceptivo sobre a xestión administrativa e económica da Comunidade de Montes de Cabral.
A fronte nacionalista reitera a súa oposición ao proxecto de macrocentro comercial por razóns ambientais, urbanísticas e económicas. “Trátase dun proxecto que só serve á especulación, que atenta contra o noso medio natural, choca cun modelo urbano sostíbel e suporía a destrución neta de emprego no sector comercial da cidade”, resumiu Serafín Otero.
Nese sentido, Otero avogou por que o novo Plan Xeral de Ordenación Municipal impida que se “dedique nin un só metro cadrado de monte para instalar máis centros comerciais nunha cidade que está absolutamente saturada de grandes áreas”.