O Bloque Nacionalista Galego solicita medidas da Xunta para enfrontar o gromo con máis dun centenar de contaxios na residencia de maiores DomusVi Bembrive en Vigo. A fronte nacionalista vén de formular no Parlamento galego unha batería de preguntas para que a Xunta aclare a situación actual e explique que accións está a levar a cabo para garantir que o gromo non está a supoñer un deterioro na atención e coidados das persoas usuarias, tal como demandan as familias.
«A Consellaría de Política Social debe facer un maior esforzo por manter as familias informadas nesta situación excepcional. A elevada porcentaxe de persoas infectadas, tanto entre as persoas usuarias como entre o persoal, xera unha preocupación lóxica», instou a deputada do BNG no Parlamento galego, Alexandra Fernández, que lamentou a falta de transparencia da Xunta.
Fernández alertou que o gromo, que afecta a un 70% das persoas usuarias, pode provocar «numerosas dificultades no funcionamento do centro», como a loxística para illar ás contaxiadas ou a afectación sobre o persoal, con 13 traballadores e traballadoras positivos. Dificultades que, temen desde os colectivos de familiares e persoas usuarias, poidan estar minguando a calidade asistencial dos e das maiores.
Reiterada inacción
As nacionalistas critican tamén a «reiterada e continuada inacción» da Xunta de Galiza para reforzar as medidas preventivas e garantías sanitarias nas residencias de maiores. Neste sentido, o concelleiro do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, lamentou que «a Xunta do PP parece non ter aprendido nada da pandemia». «Na primeira vaga vimos como o coronavirus golpeaba de maneira moi dura as residencias e o Goberno galego tardou en actuar, en grande medida para non prexudicar as empresas amigas do PP no sector como DomusVi. E durante todo este tempo insistiron en abandonar á súa sorte ás persoas residentes e as familias», reprochou.
Igrexas cargou con dureza contra o silencio e falla de resposta da delegada da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, perante os gromos rexistrados en diferentes residencias. «Era ben que a señora Fernández-Tapias fixese un oco na súa intensa axenda de embaixadora de Feixóo en Vigo para atender as demandas das persoas residentes, das súas familias, e tamén as denuncias sindicais sobre a necesidade de máis medios nas residencias de maiores da nosa cidade, tanto nas públicas como, sobre todo, nas privadas», esixiu o portavoz municipal nacionalista.