Serafín Otero explicou que o obxectivo da xuntanza é coñecer de primeira man a «situación de incerteza polo descenso do número de usuarios destas instalacións». «Apoiamos sen problemas aos traballadores e traballadoras das piscinas e os ximnasios municipais entendemos a súa preocupación», destacou.
Segundo o candidato do Bloque, a causa dese descenso de usuarios «vén dada pola falta de xestión do Concello e a falta de iniciativas para resolver a situación que se está producindo». Ao seu xuízo, a «deixadez» sobre estas instalacións provoca que as persoas vaian a outras infraestruturas máis modernas «e que posiblemente ofrecen maior número de actividades».
«Vemos unha total falta de xestión de quen non ten ningún tipo de compromiso co deporte», denunciou Otero. «Fronte ao desleixo do actual goberno, no BNG apostamos por mellorar e ampliar os servizos que prestan estas instalacións, garantindo o persoal necesario e cunhas condicións laborais dignas.
Rebaixa das taxas municipais
Serafín Otero destacou que esas instalacións deben servir de base para «desenvolver un plan estratéxico do deporte municipal», que inclúe a promoción do deporte en todas as súas disciplinas e apostando «claramente» polo deporte de base. Ao respecto resaltou o traballo desenvolvido polo Bloque no eido deportivo cando tivo responsabilidades de goberno.
Salientou que na situación actual de crise cómpre buscar alternativas para que toda a cidadanía poida acceder con facilidade á práctica deportiva. Neste sentido citou a rebaixa das taxas municipais como medida a aplicar no obxectivo de favorecer o acceso ao deporte especialmente dos sectores sociais con menor capacidade económica.
«É unha mágoa que as instalacións municipais que hai nos diferentes barrios e parroquias poidan quedar sen usuarios polo desleixo do goberno municipal e a súa falta de iniciativas», criticou o candidato nacionalista,
Sen resposta do concelleiro
Neste sentido se manifestou tamén o presidente do comité de empresa, que aglutina aos 94 traballadores destas instalacións municipais. Así, Manuel Iglesias explicou que desde o ano 2007, no inicio da crise económica, estase a producir unha baixada continuada de usuarios nestas instalacións municipais. Criticou, por outra banda, que teñen solicitada unha xuntanza co concelleiro de Deportes desde o 4 de novembro, «da que aínda non temos resposta».
«Demandamos a dinamización das piscinas e os ximnasios municipais e que o Concello aumente os seus cursos e servizos, tal e como presentamos nas nosas propostas», manifestou Iglesias, ao tempo que resaltou a necesidade de modificar a política de taxas . «Por exemplo, agora se priman ás persoas que van á piscina a nado libre fronte ás que participan en cursos. Pensamos que isto hai que cambialo», sinalou.