O Bloque Nacionalista Galego urxe o reforzo da Atención Primaria na área sanitaria de Vigo e alerta da situación límite e risco de colapso pola falla de persoal. A fronte nacionalista chama a participar nas mobilizacións convocadas pola plataforma SOS Sanidade Pública para este mércores, 21 de abril, para reclamar a normalización da atención presencial e máis persoal sanitario para os centros de saúde.
A deputada e portavoz de Sanidade do BNG no Parlamento galego, Montse Prado, compareceu esta mañá en rolda de prensa na cidade de Vigo, acompañada do portavoz municipal nacionalista na cidade olívica, Xabier P. Igrexas, para abordar a situación sanitaria na área de Vigo e, singularmente, a «situación límite» da Atencion Primaria.
Prado esixiu unha mudanza radical nas políticas sanitarias aplicadas polo Partido Popular, reclamando a posta en marcha dun plan de choque para reforzar a atención sanitaria fronte a Covid19, así como o reforzo substancial en medios humanos e materiais da Atención Primaria. A nacionalista demandou tamén que se normalice a actividade presencial nos centros de saúde. «A mellora da atención sanitaria que precisamos non virá nin de aplicacións móbiles, nin de telemediciña. Necesitamos máis profesionais sanitarios e sanitarias, máis medios», reclamou.
Prado advertiu que para enfrontar as máis de 350 mil galegas e galegos que están en listas de agarda sanitarias, cómpre despregar medidas efectivas con máis recursos e persoal, fronte ao que cualificou de «propaganda e anuncios de botafumeiro» ofrecidos até o momento polo Goberno galego.
Falta persoal
Pola súa parte, o concelleiro do Bloque en Vigo, Xabier P. Igrexas, subliñou que os problemas estruturais que xa padecía a Atención Primaria na área sanitaria viguesa víronse agravados no último ano de pandemia. Neste sentido, Igrexas apuntou que a «importante falla de persoal» está a producir a sobrecarga dos e das profesionais, demoras de semanas para lograr unha cita e a xeneralización da atención telefónica. Unha situación que ten, segundo sinalou, «efectos moi negativos na saúde das persoas», nomeadamente nos e nas doentes crónicas e sectores vulnerábeis. «A día de hoxe estanse atrasando curas e non se pode realizar un seguimento en condicións de pacientes crónicos para priorizar a dispensación da vacina. É claro que co mesmo persoal, que xa era insuficiente, non se pode asumir cada vez máis e máis carga de traballo», exemplificou.
En relación ás dificultades para recibir un axeitado seguimento médico, Igrexas denunciou que se están dando casos nos que «un mesmo paciente é atendido en cada cita por un profesional diferente». Neste sentido, o edil nacionalista salientou a denuncia pública realizada hai poucos días pola médica residente, María Vieites, de que «hai xente que leva un ano sen ver o seu médico».
Perspectivas perigosas
Neste contexto desde a fronte nacionalista advirten da perigosa perspectiva que se abre nos vindeiros meses coincidindo co período estival. «Tememos novos recortes que acaben por colapsar os centros de saúde da cidade e volvan deixar sen pediatría a parroquias enteiras», alertou Igrexas.
O portavoz municipal nacionalista criticou con dureza a política sanitaria despregada polo Partido Popular e que fixo da área sanitaria de Vigo a «zona cero da desfeita sanitaria». «A resposta do Sergas vai no sentido contrario do que debera facerse. En lugar de reforzar a Atención Primaria, estase expulsando a médicas e enfermeiras residentes ofrecéndolle contratos miserábeis e ultraprecarios de apenas 15 días», expuxo, referindo a recente denuncia do colectivo de MIR e EIR.
Tanto Prado como Igrexas fixeron un apelo explícito á veciñanza a participar nas mobilizacións convocadas pola plataforma SOS Sanidade Pública, que na cidade de Vigo se materializará nunha concentración este xoves 21 ás 20h no MARCO. «Non podemos permitir que confinen o noso dereito á saúde. Temos motivos de sobra para saírmos á rúa a esixir que se reforce a sanidade pública en lugar de seguir a recortala», enfatizaron.