«A fuxida ao estranxeiro de Juan Carlos I deixa sen argumentos a quen se nega a retirar o seu busto na praza do Concello», subliñou o concelleiro nacionalista Xabier P. Igrexas ao respecto da demanda da súa formación realizada no mes de marzo e rexeitada polo goberno local.
O edil insistiu na necesidade de retirar calquera honra e distinción municipal ao monarca emérito «por hixiene democrática» ao mesmo tempo que fixo un chamamento a toda a cidadanía a sumarse esta tarde, ás 21 horas, a unha cazolada dende as xanelas e varandas contra a monarquía, impulsada a nivel galego polo BNG.
Igrexas lembrou que o pasado 18 de marzo o Bloque foi a primeira forza política que demandou a retirada polo Concello de Vigo de todas as distincións e honras do monarca emérito, e concretamente o seu busto no acceso principal da casa consistorial así como dos seus retratos en dependencias municipais. Unha demanda que motivou unha moción da fronte nacionalista no Pleno, debatida o pasado 1 de xullo, e que foi rexeitada polos votos do PP e do PSOE, «empeñados» –segundo o portavoz municipal nacionalista – en «defenderen a figura dun monarca que hoxe está máis que desacreditado».
Para o edil do BNG, «a fuxida do Borbón ao estranxeiro no día de onte ratifica os motivos que levaron ao BNG a reclamar a retirada do seu busto». Nese sentido, preguntouse «a que agarda o Goberno municipal para atender un reclamo que hoxe é claro que moi maioritario na cidade», e que considera unha acción simbólica dentro da «reprobación institucional e democrática que teñen que recibir comportamentos absolutamente inmorais e presuntamente delitivos como os que envolven a Juan Carlos I».
O concelleiro defendeu que «onde ten que ir o Borbón non é a unha cómoda residencia no estranxeiro, senón que ten que comparecer diante dos xulgados a responder dos seus actos e das graves acusacións de corrupción». A este respeito, o nacionalista avogou tamén por pasar páxina dunha «institución anacrónica e antidemocrática», en alusión á monarquía española. «A nosa aposta é clara: República galega», remachou.
«O pasado 17 de marzo as rúas de Vigo xa enviaron unha mensaxe atronadora contra a corrupción da Casa Real. Hoxe temos que volver facer resoar a dignidade democrática fronte a impunidade de quen se cre con dereito a todo por razón de sangue e nacemento», afirmou Igrexas sobre a convocatoria hoxe dunha cazolada baixo o lema «Que xulguen os Borbóns. #GalizaNonTenRei #RepúblicaGalega»,