Vitrasa, en colaboración co Concello de Vigo, súmase un ano máis, e con este xa son quince, á Semana Europea da Mobilidade con diversas iniciativas que teñen por obxectivo fomentar e pór en valor o uso do transporte público entre a cidadanía viguesa.
En concreto, o 22 de setembro de 2021, Día Europeo sen Coches, as liñas lanzadeiras ó campus universitario (U1 e U2) serán de balde durante toda a xornada. Tamén o Bus Turístico será gratis o mesmo mércores 22 de setembro para os usuarios da tarxeta Pass Vigo, previa reserva online do billete na plataforma Woutick!. Haberá catro viaxes dispoñibles: ás 10:00, 12:00, 16:30 e 18:30 horas.
Con esta iniciativa, búscase recoñecer ós usuarios habituais do transporte público a súa confianza, dándolle a oportunidade de que descubran Vigo dende unha óptica distinta a bordo do Bus Turístico. Os viaxeiros deberán levar posta a máscara en todo momento, así como acceder de maneira ordenada o bus, que conta con xel hidroalcohólico no seu interior.
Segundo Vitrasa, as limitacións de aforo establecidas pola Xunta de Galicia nos autobuses urbanos (que limitan a un terzo a ocupación nas prazas de pé) “impiden unha maior promoción do transporte público, xa que poden rexistrarse algunhas dificultades para atender a demanda se esta se concentrase nun momento concreto”.
Con todo, a empresa terá reforzos previstos para tratar de abordar estas concentracións puntuais de usuarios nos servizos das lanzadeiras. No marco da Semana Europea da Mobilidade e a posta en valor do transporte público como elemento fundamental para mellorar a calidade de vida das persoas, Vitrasa apela á “ampliación de aforo no transporte urbano, como xa ocorre na maioría de comunidades, por ser un servizo seguro e esencial para os cidadáns”.