O Casco Vello de Vigo ten desde hoxe tres novos residentes nas tres novas vivendas de promoción pública adxudicadas por parte do Instituto Galego de Vivenda e Solo. Foi mediante un sorteo no que o Consorcio Casco Vello designou os gañadores.
En total, 132 persoas aspiraban á adquisición de dúas vivendas na rúa Ribeira Berbés 41 e unha na rúa Abeleira Menéndez 16 impulsadas polo consorcio, participado nun 90% pola Xunta de Galicia e nun 10% polo Concello de Vigo.
O sorteo, celebrado a porta pechada por mor da Covid-19 e ante notario como é preceptivo, permitiu establecer a orde na que os solicitantes admitidos optan a cada unha das tres vivendas. A resolución do que é o undécimo sorteo destas características convocado polo CCVV desde a súa creación poderase consultar na páxina web do IGVS.
Segundo informou, no caso das dúas promocións da fachada marítima, a primeira delas ocupa as plantas baixa e primeira e esténdese sobre unha superficie de 69,70 metros cadrados cun prezo de venta de 122.000 euros; a segunda son 86,98 metros cadrados repartidos entre o segundo e terceiro andar, e está valorada en 154.000 euros.
Sobre esta construción, a delegada da Xunta, Marta Fernández-Tapias, destacou a singularidade da que é a primeira rehabilitación abordada directamente polo CCVV na emblemática praza, onde recordou a Universidade de Vigo constrúe en edificios do Consorcio a súa sede e a Axencia Turismo de Galicia o primeiro albergue de peregrinos do Camiño Portugués pola Costa. Asemade, indicou que se está a intervir en Berbés 29 e 31, o que permitirá proximamente dispoñer de catro vivendas máis e un local comercial nesta zona.
En canto a Abeleira Menéndez 16, apuntou que é a oitava recuperación dun edificio nesta rúa, recoñecida como unha das construcións de tipoloxía tradicional máis fermosas do centro histórico no Plan Especial de Reforma Interior do Casco Vello. A vivenda en cuestión ocupa dúas plantas, 92,12 metros de superficie útil e un prezo de venta de 157.000 euros.
Neste sentido, Fernández-Tapias destacou a intensa labor de rehabilitación desenvolvida polo Consorcio Casco Vello de Vigo desde a súa constitución, coa adquisición de 82 edificios e a posta no mercado de 111 vivendas de protección autonómica (VPA).