A crise do Covid-19 non vai impedir que a formación en idiomas que cada verán ofrece o Centro de Linguas se desenvolva nos vindeiros meses. Os cursos intensivos, de entre dúas e catro semanas de duración abertos tanto á comunidade universitaria como á cidadanía en xeral para aprender ou mellorar a competencia en idiomas estranxeiros, impartiranse de xeito virtual.
De feito, o Centro de Linguas imparte os seus cursos de xeito telemático e desde a declaración do Estado de alarma no pasado mes de marzo, ao igual que adaptou os exames de avaliación para que o alumnado puidera contar cunha certificación que en moitos casos é necesaria para continuar coa actividade académica. Para este período estival ofértanse cursos de idiomas en distintas linguas estranxeiras, así como o tradicional Curso de iniciación á ensinanza de español como lingua estranxeira, recoñecido polo Instituto Cervantes.
Para este verán ofértanse cursos de cinco linguas: inglés, alemán, portugués, italiano, xunto con chinés en colaboración coa Aula Confucio da Universidade de León. Nesta ocasión non se realiza convocatoria aberta de español para estranxeiros debido á prohibición da mobilidade na situación actual de emerxencia sanitaria, aínda que se continúa cos cursos de español para estranxeiros que están en marcha.
O prazo de matrícula está xa aberto para estes obradoiros intensivos, para os que, ademais da formación xenérica, fíxanse obxectivos para acadar un nivel de lingua, orientado, sobre todo, á formación do estudantado que ten previsto participar en programas de mobilidade e que quere aproveitar o inicio do verán para pórse ao día no idioma do seu país de destino.
A duración dos cursos, que darán comezo o día 15 de xuño, vai entre as dúas e as catro semanas e serán impartidos en horarios de mañá e tarde dependendo do idioma. Ofértanse neste período estival: inglés nivel B1 e B2; portugués nivel A2 e B1; alemán nivel A1; italiano nivel B1; iniciación á lingua e cultura chinesa. Os cursos inclúen un exame final para certificar o nivel. Os exames da convocatoria de verán son exames con certificación propia do CdL.
Iniciación ao ensino do español
A matrícula para o curso de iniciación ao ensino de español como lingua estranxeira tamén está aberta, que será impartido por primeira vez polo Centro de Linguas de xeito telemático co recoñecemento do Instituto Cervantes. O curso está destinado ao alumnado do último ano de grao ou tituladas e titulados universitarios que desexen especializarse na ensinanza de español como lingua estranxeira, profesorado de español como lingua segunda e estranxeira, profesorado doutras linguas estranxeiras, e voluntarios e voluntarias de organizacións non gobernamentais.
As persoas participantes analizarán diferentes técnicas comunicativas, tanto teóricas como prácticas, e familiarizaranse coas competencias que un profesor en ELE debe utilizar na aula: como programar e planificar unha clase, que metodoloxía utilizar, que gramática ensinar, como presentar o léxico e a cultura, que materiais didácticos existen e como se poden axeitar ás súas necesidades, que recursos se poden utilizar na aula e como se reflexan as nuevas tecnoloxías, con especial atención ás redes sociais nestes ámbitos.