Vaise achegando o verán e, con el, a oferta de actividades formativas complementarias que se pode realizar durante os meses estivais. O Centro de Linguas da Universidade de Vigo acaba de abrir o prazo de matrícula para os cursos de idiomas que se van desenvolver nos meses de xuño e xullo en modalidade semipresencial ou totalmente virtual. A oferta académica comprende inglés, alemán, portugués e italiano e a inscrición está aberta a persoas maiores de 16 anos que queiran aprender, mellorar ou acreditar o seu nivel de dominio da lingua, tanto se forman parte da comunidade universitaria da Universidade de Vigo como se son persoas alleas á institución. As principais novidades desta convocatoria son os cursos de nivel C1 de inglés e B1 de italiano.
Todos os grupos teñen un nivel homoxéneo para poder cumprir cos obxectivos específicos. Por este motivo, as persoas interesadas que non dispoñan dunha acreditación do nivel anterior, deberán realizar unha proba de nivel. Para todos estes cursos, o prazo de matrícula remata o día 5 de xuño, agás portugués que remata o 23 de maio.
Catro idiomas, dez cursos
O primeiro curso en arrancar é o de portugués, que será en modalidade virtual e ofértase para os niveis A2 e B1. O primeiro será de 40 horas e desenvolverase do 30 maio ao 10 xuño, mentres que o grupo de B1 terá 60 horas de docencia virtual entre o 13 e o 29 xuño. O prazo de matrícula remata o 23 de maio.
O resto de cursos desenvolveranse en xullo. Para as persoas interesadas no inglés, impartiranse, en modalidade semipresencial o curso Intensivo de Inglés B2, de 80 horas de duración, entre o 13 xuño ao 22 xullo e un de nivel C1, de 100 horas, do 13 xuño ao 22 xullo. En modalidade totalmente virtual, a oferta do Centro de Linguas tamén inclúe un curso intensivo de nivel B1 e outro B2, ambos de 80 horas, que se impartirán entre o 13 e o 22 de xullo.
No que respecta ao alemán, desenvolveranse dous cursos virtuais dos niveis A1 e A2. O primeiro, de 60 horas, será do 13 de xuño ao 15 de xullo, mentres que o segundo, de 80 horas, comezará tamén o 13 de xuño pero estenderase ata o 22 de xullo.
Finalmente, o catálogo complétase co italiano, do que se ofertan dous cursos en modalidade virtual dos niveis A1 e B1: o primeiro do 13 xuño ao 15 xullo e 60 horas de duración e o segundo, do 13 xuño ao 22 xullo con 80 horas de docencia.
Tras a experiencia dos dous pasados veráns, marcados pola pandemia, nos que a virtualidade se apoderou dos cursos do Centro de Linguas, a institución decidiu seguir apostando por modalidades a distancia, que permiten compaxinar os horarios e compatibilizar as clases con outras actividades. Así, os dez cursos que se ofertan este verán son semipresenciais ou virtuais, e combinan clases presenciais ou síncronas con traballo autónomo e asíncrono, sempre co seguimento e apoio permanente do profesorado. A metodoloxía de cada curso está deseñada para acadar os obxectivos académicos de cada nivel, utilizando as ferramentas axeitadas a cada destreza. Como explica Mercedes Álvarez, xefa de estudos e coordinadora académica do Centro de Linguas, “deseñamos a programación para que se poida elixir entre distintas modalidades en horarios diferentes: cursos semipresenciais de luns a xoves ou cursos virtuais de luns a venres”. Ademais, engade, “o profesorado realizará un seguimento individual do traballo autónomo de todo o alumnado e poranse á súa disposición sesións individuais, presenciais ou a través de Campus Remoto, na procura de individualizar o procedemento de aprendizaxe”. As clases presenciais levaranse a cabo na Facultade de Filoloxía e Tradución do campus de Vigo.
Nova edición do Curso de Español para Inmigrantes
Antes de que arranquen os cursos de verán, o Centro de Linguas puxo en marcha este mércores en colaboración coa Deputación de Pontevedra unha nova edición co Curso de Español para Inmigrantes, una iniciativa que botou a andar en 2017 co obxectivo de axudar ás persoas non hispanofalantes a preparar e superar a proba DELE A2, un requisito indispensable para acadar posteriormente a nacionalidade española. Este proceso require dunha preparación previa e ten un custo económico que adoita dificultar o acceso á nacionalidade para un determinado sector da poboación, polo que a Deputación desenvolve un convenio coa Universidade de Vigo a través do Centro de Linguas, de modo que a institución provincial subvenciona o custo da formación e tamén o da matrícula no exame.
O curso que arrancou este mércores é o primeiro dos tres que se van desenvolver este ano. Nel participan 20 persoas, maioritariamente procedentes de Brasil, Marrocos e Senegal, así como tamén de Angola e Nixeria. No acto de apertura desta mañá estiveron presentes a deputada e profesora da UVigo Ana Mejías, a xefa de estudos e coordinadora académica do Centro de Linguas, Mercedes Álvarez e a profesora do CdL Belén Arias, que se encargará de impartir a docencia, que se estenderá ata o 3 de xuño.
Os outros dous cursos terán lugar do 5 ao 30 de setembro en Pontevedra e Vigo, con 20 e 15 prazas respectivamente. Tras rematar a docencia, o alumnado presentarase ao exame do DELE A2 no Instituto Cervantes en Vigo, en setembro para quen realice o curso en maio, e en novembro no caso das persoas que o fagan en setembro.
Dende que botou a andar este programa, foron 290 as persoas que participaron, cunha taxa moi elevada de éxito. En concreto, aos exames de 2021 presentáronse 44 persoas e houbo un 95,45% de aprobados.