Aproveitando o inminente comezo das festas de Nadal, o elenco artístico de Inventio presentou este martes aos medios de comunicación un petisco do seu espectáculo no Auditorio Mar de Vigo. No acto tamén participaron Marta Fernández-Tapias, delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo; Patricia Romaní, directora de Instituciones de CaixaBank en Galicia Sur; e mais Martín Varela, director creativo de Inventio e portavoz de Thinking Up Events. Ademais, o acto contou coa presenza dun grupo de 50 alumnos de infantil e primaria do CEIP da Carrasqueira de Coruxo.
Na súa intervención, Varela salientou que Inventio é un espectáculo familiar «cunha historia atractiva de gran profundidade e calado cultural, espectacular e apetecible, na que prima a calidade». E sinalou que chegan a Vigo co desexo de «poñer un peche máxico ao Nadal e con moitas ganas de espallar na cidade olívica boas doses de circo, fantasía e danza».
Esta proposta escénica de gran formato concibida para público familiar brindará tres funcións no Auditorio Mar de Vigo entre o mércores 3 e o xoves 4 de xaneiro. Os billetes están á venda na web de Teuticket. Ademais, hai desconto para os usuarios do Carné Xove e os menores de dous anos non pagan sempre que non ocupen butaca.
Inventio: Un espectáculo para os sentidos
Concibido para todos os públicos, Inventio reborda humor, misterio e fantasía mais tamén é quen de mesturar con solvencia a comedia e o drama. Trátase dun convite para gozar cos sentidos dunha historia onde o pasado e o futuro danse a man grazas á sucesión de números de ilusionismo, levitacións, equilibrios, malabares, aéreos, audiovisuais e mais composicións de música tradicional galega fundidas con sons electrónicos.
Cunha atmosfera máxica e unha posta en escena vangardista, Inventio recupera a paisaxe, os costumes, a música, a arte ou a arquitectura de Galicia nun espectáculo delicado e cegador, de busca e descubrimento. Inventio é un camiño de regreso á sensibilidade a partir da tradición e a modernidade.
Para materializar esta ambiciosa proposta escénica, Inventio conta cun numeroso equipo creativo e artístico formado por máis de 40 persoas, entre elas seis bailaríns e seis artistas circenses. Na dirección atópase o mago Martín Varela, que tamén exerce de guía do espectáculo. Como responsable da dramaturxia figura José L. Prieto e na dirección artística está Suso Montero.
A dirección de maxia recae sobre os ilusionistas Fani Triana e Martín Camiña e a de circo en Jorge Miquel. A dirección musical leva o selo de José Trincado ‘Triki’ e o ballet e as coreografías son unha creación de Mercedes Suárez. Completan o equipo Alberto Casas no deseño de iluminación e Conchi Silvent na dirección de vestiario. Inventio é unha iniciativa da promotora galega Thinking Up Events, da Xunta de Galicia a través do programa Xacobeo 21-22 e mais da Fundación La Caixa, e conta tamén co apoio de Sargadelos.