O Concello de Vigo avanzou este mércores que rexeitará a cesión de edificios do Casco Vello á Xunta de Galicia. O goberno local informou de que está en desacordo coa proposta do Consorcio para «regalar» os inmobles á administración autonómico e anunciou unha «alternativa».
«Estamos de novo ante o acontecido en Zona Franca coa anterior delegada, que lle regalou á Xunta un edificio de 5,5 millóns», apunta. Así, engade que «exactamente igual que naquela ocasión desde o Concello opoñémonos a que o Consorcio lle regale á Xunta locais comerciais no Casco Vello».
Tamén asegura lamentar a «incapacidade» da presidenta do Consorcio, Corina Porro, nos últimos anos para poñer no mercado estes locais. «O Concello, principal promotor turístico e cultural de Vigo, presentará mañá unha alternativa que evitará a descapitalización do Consorcio», sinala. O goberno local pretende que o Consorcio poida «seguir o seu labor de rehabilitación do Casco Vello, asegurando a utilización de locais por entidades culturais, turísticas e de diferentes ámbitos».
Igualmente dubida das intencións da Xunta co inmoble que ocupará a Universidade de Vigo. «Unha vez máis, a Xunta enganou á Universidad asinando un protocolo no que lle ofrece edificios que non son da súa propiedade, senón do Consorcio».
E en relación coa cesión dun local para establecer en Vigo unha sede do Centro Galego de Arte Contemporánea, o Concello afirma que o apoia pero marcará prazos para asegurar que esta proposta da Xunta se leve adiante.