A Xunta de Goberno Local aprobou este xoves a proposta e o expediente de contratación das obras de humanización da rúa Canceleiro, entre Rosalía de Castro e García Barbón, que teñen un importe máximo de 220.000 euros. Para o alcalde, supoñen continuar co proxecto iniciado na zona que seguirá «inmediatamente con Serafín Avendaño e despois con Heraclio Botana». As obras incluirán a renovación do pavimento, as redes de abastecemento, a execución da rede de pluviais ou a renovación do alumeado.
Cesáreo Corbal
Por outra banda, o alcalde visitou este xoves a humanización de Doutor Corbal, en Teis, onde o goberno vigués investiu case medio millón de euros. Caballero puxo en valor o maior espazo ante o colexio San Xosé da Guía, que inclúe unha estación metereolóxica con fins didácticos, e a placa de bronce ao doutor Césareo Corbal, o coñecido como «médico dos pobres».
A humanización ten algúns elementos singulares, como o aumento de espazo peonil fronte ao colexio San Xosé da Guía, onde o Concello instalou unha estación metereolóxica con fins didácticos que enviará información ao nomeado centro educativo. Ademais, unha das sinais verticais que advirte dun paso de peons presenta iluminación LED.
Tamén quedou autorizada a convocatoria e as bases reguladoras de subvencións para o fomento do emprego e a consolidación empresarial a través do traballo colaborativo para o ano 2017, que cun importe de 35.000 euros están pensadas para fomentar o emprendemento a través do traballo colaborativo en espazos de coworking.
Ademais, a Xunta de Goberno deu o visto bo a tres convenios: o primeiro, coa «Asociación Gallega de Amigos del Rocío de Vigo» cun importe de 5.000 euros, o segundo, coa Unión Comarcal da CIG de 15.000 euros para apoiar o «importante papel dos sindicatos na súa defensa dos traballadores» e o terceiro coa Fundación IgualArte para apoiar a súa acción con 10.000 euros.
Adiamento do Plan de Rehabilitación
Na sesión deste xoves, a Xunta de Goberno Local acordou solicitar ao Ministerio a participación na prórroga do Programa de Rexeneración Urbana do Plan Estatal de Fomento 2013-2016 de alugueiro de vivendas, rehabilitación edificatoria e rexeneración e renovación urbana de catro ARIS da cidade: o Casco Vello, Bouzas, Coia e Santa Clara, do que quedan 51 actuacións pendentes de executar por un importe de case 400.000 euros.
O rexedor sinalou que «queremos seguir a rehabilitación destas catro zonas con estas actuacións tan importantes que combinan interese social e rehabilitación dos cascos históricos do centro e de Bouzas». Así, explicou que na ARI do conxunto histórico do Casco Vello, das 90 actuacións previstas, quedan 29 pendentes, na ARI de Bouzas quedan 9 pendentes das 30 programadas, na ARI do grupo de casas de Santa Clara quedan 13 obras por acometer das 19 previstas e, por último, na ARI de Bueu-Moaña do Polígono de Coia están rematadas as 53 obras planificadas.