O Concello de Vigo emitiu este luns un comunicado para reaccionar ás críticas xurdidas polas identificacións levadas a cabo pola Policía Local durante un dos actos celebrados este domingo co gallo do Día Internacional da Muller. A administración local informou de que abrirá un “proceso de información interna” para “aclarar” por que se pediu a documentación a un grupo de mulleres que estaban realizando unha ‘performance’ na contorna da lámpada de Urzaiz.
Esta intervención provocou o enfado das persoas e entidades participantes nesa interpretación do himno feminista ‘Un violador no teu camiño’. “O Goberno Local acudiu onte a unha grande manifestación e quere felicitar á organización, ás persoas participantes e ás mulleres que realizaron a ‘performance’”, sinala o comunicado.
O Concello reiterou a súa “satisfacción” pola celebración deste acto e agardará polo resultado deste “proceso de información interna”.
Tamén o grupo municipal da Marea de Vigo reaccionou a estes feitos. A concelleira Oriana Méndez pediu por rexistro un informe sobre a actuación policial levada a cabo.