A Xunta de Goberno Local dará luz verde na sesión deste xoves á proposta de resolución da convocatoria de axudas municipais de libros, material escolar e comedor para alumnado de centros públicos e concertados de Educación Infantil, Primaria e Secundaria do Concello para o curso 2021-2022.
Segundo detallou Abel Caballero, o Concello aprobará 1.360 bolsas para libros e material escolar por un importe de 136.000 euros. Son 189 máis ca en 2020, cando foran concedidas 1.181 bolsas e a contía incrementouse os 85 euros por alumno aos 100.
En canto ás bolsas de comedor, concedéronse 3.051, 21 máis ca en 2020 e “non hai ninguén en lista de espera; todas as familias que as solicitan e cumpren os requisitos da convocatoria reciben a axuda, que ascende a 1.178.000 euros, unha contía que se viu incrementada este ano en 16.343 euros.
O rexedor explicou que o primeiro pago das axudas municipais de comedor, ata unha porcentaxe máxima do 50% do importe, realizarase de forma anticipada antes de finalizar o primeiro cuadrimestre para que as familias dispoñan deses recursos. Ademais, o Concello dedica anualmente 606.000 euros a Foanpas (Federación Olívica de Asociacións de Nais e Pais de Alumnos), polo que o investimento en bolsas de libros e comedor supera os 2 millóns de euros.
Abel Caballero sinalou que as bolsas de libros e comedor “ten que pagalas a Xunta de Galicia, que en Vigo nin está nin se lle espera”, mentres noutras comunidades como é o caso de Andalucía si que as financia o goberno autonómico.