O Concello de Vigo deu o visto e prace ao proxecto da humanización da rúa Tercio de Fóra, vía que parte de Urzaiz, próxima a Fernando o Católico e a Escultor Gregorio Fernández.
O orzamento que presenta o proxecto ascende a 274.000 euros e inclúe a renovación dos pavimentos, con beirarrúas de granito, novo saneamento e abastecemento, rede de alumeado público e telecomunicacións, novas luminarias, sinalización e mobiliario urbano, papeleiras, xardineiras e rede de rego.
Ademais, a Xunta de Goberno Local deu luz verde ao expediente de contratación das obras de mellora na rúa Abade Juan de Bastos, en Matamá, cun orzamento de 205.000 euros. Coa aprobación dos pregos de condicións, o Concello abre o proceso de licitación para construír beirarrúas, ademais de executar unha rede de pluviais, pozos de rexistro e instalación de alumeado.