O Concello de Vigo informou este mércores de que a Xunta de Goberno Local vén de aprobar unha prórroga de 5 anos do contrato de concesión da auga a empresa Aqualia. «Desde o ano 2018 os técnicos municipais desenvolveron diferentes traballos preparatorios para considerar unha nova licitación co apoio dunha consultora externa. Dous anos de estudo e preparación da decisión nos que as análises técnicas sinalan a existencia dunha serie de incertezas e indefinicións que fan aconsellable a prórroga do actual contrato», apunta o Concello nun comunicado de prensa.
Segundo explica, estas incertezas están referidas a decisións «alleas á propia competencia municipal», dependendo principalmente das actuacións, ou nalgúns casos «da ausencia de actuacións, por parte da Xunta de Galicia». Así, o Concello enumera varios puntos no que sinala á explotación das presas de Eiras, o alcance de abastecemento aos municipios da área de Vigo e a ETAP do Casal.
«Estas cuestións encóntranse sen unha resolución definitiva e afectan de forma directa ao Concello de Vigo na fase de deseño do proxecto de xestión para o novo contrato de xestión integral do ciclo da auga», asegura o goberno local. Ademais, indica que o contrato actualmente vixente iniciado o 1 de xaneiro de 1991 foi adxudicado por 25 anos con posibilidade de prórrogas de 5 anos ata un máximo de outros 25 anos.
«Trataríase esta dunha segunda prórroga que se fai, en calquera caso, en función dos intereses dos cidadás», asegura o Cocnello. Ademais, engade que a prórroga está vinculada á execución dun plan de investimentos por parte da concesionaria, por importe de 40.471.411,63 €. Esta inversión «non implicará incremento de tarifa aos usuarios e significará unha nova
dinamización económica nun período moi necesario».
Dentro dos investimentos a executar o goberno municipal salienta as obras de modernización da Estación de Tratamento de Auga Potabilizadora do Casal (ETAP de O Casal), principal estación de tratamento de auga potable de Vigo. «Desde ela, ademais do Concello de Vigo, e de acordo coa falta de planificación de abastecemento establecida pola Xunta de Galicia, abastécense os concellos de Cangas, Moaña, Redondela e Mos (un total dun 14,25% do seu volume) sen que Augas de Galicia teña previsto a data de hoxe outros recursos alternativos para atender as necesidades destes concellos», apunta o comunicado.
O Concello tamñen acusa á Xunta de Galicia de desentenderse recentemente de realizar achega económica algunha remitindo ao Concello á vía dos fondos europeos de reconstrución sen comprometer un euro dos fondos autonómicos. «Se finalmente a modernización da ETAP do Casal é susceptible de recursos europeos a empresa concesionaria acometerá outras inversións sinaladas pola administración local. En todo caso para acometer a modernización da potabilizadora considérase óptimo utilizar o coñecemento anterior», conclúe.