Abel Caballero visitou este luns o Ceip A Paz Tintureira en Coruxo coincidindo co inicio do novo curso e alí deu conta da «importante acción do Concello nos centros de Infantil e Primaria»: a ampliación do comedor do Ceip Sello en Cabral, a reforma dos baños do comedor do Ceip Eduardo Pondal de Sampaio e dos baños de varios centros: o Ceip Balaídos, Emilia Pardo Bazán (Chouzo), Plurilingüe Igrexa Valadares, Escultor Acuña, Santa Tegra-Teis, Canicouva-Castrelos, Lope de Vega e Seis do Nadal.
Ademais, apuntou que o goberno municipal financiou a colocación da tarima flotante no Ceip Escultor Acuña, o pintado do patio en Doutor Fleming, o cerrado da aula matinal en Teis, obras en García Barbón, en Santa Mariña Cabral ou o arranxo da pista polideportiva en Parróco don Camilo (Comesaña), tendo pendentes de comezar as obras nos baños dos CEIP Carrasqueira-Coruxo e Carballal-Cabral. Todas estas accións supoñen un investimento municipal de máis de 500.000 euros.
A esta cantidade cómpre engadir os 600.000 euros que o Concello destinará á cubrición dos patios dos centros Carballal de Cabral, Virxe do Rocío de Bouzas e Canicouva de Castrelos, que suman unha inversión de case 600.000 euros polo que a dedicación total a obras en educación Infantil e Primaria é de 1.200.000 euros.
O rexedor criticou a «falta de dilixencia» da Xunta de Galicia neste ámbito o que provoca que o colexio Castelao de Navia non poida iniciar as clases ata o mércores e que obrigou ao Concello a realizar limpezas extraordinarias para que entre en funcionamento. Apuntou tamén que na escola infantil de Hernán Cortés están «reducindo persoal e liñas», nun centro polo que o Concello aboa 50.000 euros ao ano de alugueiro e reclamou que o goberno autonómico «manteña o cadro de persoal para atender aos nenos con calidade». Respecto ao transporte escolar, indicou Caballero, que a Xunta llo denegou a tres centros: Eduardo Pondal, Paraixal e Mosteiro, do que o Concello sufraga unha parte do transporte.
Plan de tráfico en colexios
O alcalde informou tamén da entrada en funcionamento do Plan de Tráfico nos colexios que dá prioridade de estacionamento e detención ao transporte de escolares. Nestes momentos, participan 36 centros coa previsión de «tratar de reforzalo porque algún precisan máis espazo de estacionamento e máis presenza policial para regular o tráfico» co obxectivo de seguir dando prioridade aos centros en horario de entrada e saída.