O Concello de Vigo validou este xoves as bases do programa ‘Vigo Emprega’, que determinarán a selección do persoal a contratar entre os candidatos propostos polos servizos públicos de emprego e tamén diferentes obras que acometerán na cidade durante seis meses a partir do 1 de xullo.
Todo este proceso vaise canalizar a través deste plan, que conta cun orzamento dun millón de euros, cofinanciado con fondos FEDER da Unión Europea dentro da estratexia ‘Vigo Vertical’. O programa reserva mínimos para contratar a parados con dificultades de inserción laboral como persoas con discapacidade, menores de 30 anos na procura do seu primeiro emprego, mulleres, maiores de 45 anos e desempregados de longa duración.
O Concello de Vigo contratará a 101 profesionais actualmente sen traballo: tres capataces de construción, catorce oficiais de albanelería, un oficial electricista, dous oficiais fontaneiros, tres oficiais de carpintería (un de aluminio, outro metálica e outro de madeira), dous oficiais pintores, un oficial mecánico de maquinaria, cinco oficiais de xardinería, doce oficiais de condución, corenta peóns de construción, dezaseis peóns de xardinería-forestal, un auxiliar administrativo e un técnico auxiliar en Prevención de Riscos Laborais.
As obras que se realizarán na cidade no marco desde proxecto municipal comezarán o 1 de xullo e durarán seis meses: reparación de escaleiras e beirarrúas no rural, rehabilitación de lavadoiros municipais, pintado de varandas, actuacións de mellora no parque do Castro, eliminación de barreiras arquitectónicas, remodelación de baños en distintos colexios públicos da cidade, reformas no parque central de servizos, nos centros municipais de distrito e locais de emprego, no edificio do Concello e no refuxio da Madroa.
Tamén se levarán adiante traballos en materia de medio ambiente, como a eliminación de especies invasoras nas dunas, rozas en Fontaíña, no paseo do Lagares e nas zonas de paso das praias, colocación de pasarelas de acceso a distintos areais ou reparación das casetas dos socorristas. ‘Vigo Emprega’ prevé ademais obras de mellora en VigoZoo, na Casa da Xuventude, en VigoSónico e na sala da ludoteca do pavillón de Coia.