Despois das aclaracións solicitadas pola Dirección Xeral de Urbanismo no primeiro trámite do proceso de avaliación estratéxica ambiental do PXOM, o Concello de Vigo remitiu esas puntualizacións este xoves co obxectivo de axilizar o proceso ao máximo.
Tal e como explicou Abel Caballero, enviouse un informe respondendo a todas as aclaracións solicitadas pola Xunta no seu informe sobre o borrador do Plan Xeral de Ordenación Municipal, ademais do texto refundido do borrador e do documento inicial estratéxico.
Deste xeito, o Goberno local insta á administración autonómica a continuar coa tramitación da Avaliación Estratéxica Ambiental, “un proceso que queremos que vaia rápido dada a súa importancia”.
Na habitual rolda de prensa virtual, Caballero volveu cualificar o PXOM como un plan “excepcional que atende á cidade, con vivenda, humanizacións e zonas verdes, un plan para facer unha nova cidade”, concluíu.