Abel Caballero confirmou este martes que o proxecto para construír a nova biblioteca de Teis está concluído e modificará por completo a actual estrutura de catro plantas do antigo ambulatorio da parroquia, non apta para o seu uso futuro.
Ademais de presentar un deseño arquitectónico “notable”, a biblioteca rebaixará a altura máxima do inmoble e proporcionará uns 600 metros cadrados de espazo utilizable, cun “recibidor verde” na entrada e unhas cen butacas de estudo e lectura. O alcalde asegurou que esta nova dotación disporá de préstamo de libros.
O orzamento será de 900.000 euros, que o Concello de Vigo cargará aos remanentes municipais, unha vez o Congreso dos Deputados desbloquee a utilización dos aforros das cidades. “Seguimos na apertura de novos centros de cultura, novas dotacións culturais para a cidade”, asegurou o rexedor vigués.
Abel Caballero recordou que foi o actual Goberno de España o que cedeu o edificio ao Concello, logo da negativa a facelo polo executivo anterior, presidido por Mariano Rajoy.