O Concello de Vigo vén de transformar o espazo interior de Rivera Atienza cun investimento próximo aos 50.000 euros. Abel Caballero inaugurou este luns a remodelación xunto ao presidente da Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheímer e outras demencias de Galicia (Afaga), Juan Carlos Rodríguez, e aos concelleiros Pablo Estévez e Ángel Rivas.
O Goberno local acometeu varias melloras na zona, como a reparación do falso teito, dos pavimentos de acceso á praza e o arranxo e pintado de piares e paredes, e instalou céspede natural, 21 puntos de luz LED e novo mobiliario urbano. En paralelo, o espazo presenta agora áreas para horticultura, xardinería e xogos tradicionais, como a chave ou a petanca.
Caballero subliñou que a reforma beneficiará aos usuarios das asociacións que teñen a súa sede nos locais municipais de Rivera Atienza, caso de Afaga, Asem Galicia (a Asociación galega contra as enfermidades neuromusculares), Érguete e a Asociación Parkinson Vigo. Estas entidades “fan un gran traballo” e “seguiremos apoiándoas en forma continua”, en verbas do rexedor, quen detallou que, ademais dos locais, o Concello achega case que 20.000 euros a Afaga, 51.000 euros a Érguete, e 1.500 euros a Asem Galicia e á Asociación Parkinson Galicia da convocatoria pública que tramita a través o departamento de Benestar Social.