Os interesados poden presentar a súa petición no rexistro municipal nos vinte días hábiles tras a publicación oficial da convocatoria, que será resolta e notificada en tres meses.
Na convocatoria do pasado ano, o goberno de Vigo concedeu 1.947 axudas económicas para pago de alimentos, outras 1.898 para abonar gastos de enerxía nas vivendas e 1.454 para alugueres e hipotecas.
A Xunta de Goberno Local celebrada este xoves tamén deu luz verde á clasificación de ofertas -antiga adxudicación provisional- do servizo de teleasistencia domiciliaria. O Concello reserva máis de 93.000 euros para un contrato dun ano no que se ofrece apoio domiciliario ás persoas maiores, as 24 horas do día e os 365 días do ano.
Actualmente 550 persoas benefícianse deste servizo municipal, das que 448 son maiores de 80 anos e 501, mulleres. De feito, o perfil medio do usuario é unha muller de máis de 80 anos que vive soa no seu domicilio.