O Concello quere aproveitar a actuación para instalar puntos de luz en todo o paseo e incrementar así a seguridade polas noites. Con todo, é un desexo que ten que ser estudado, xa que esta mellora debe implantarse con coidado por mor do impacto ambiental que podería xerar, véndose afectadas diferentes especies animais da contorna.
A opción que se baralla é introducir luces que se acendan co paso da xente, minimizando ao máximo o risco de contaminación lumínica.
Ademais, a iniciativa inclúe un estudo medioambiental que prevé a plantación de 140 árbores de gran porte (carballos e freixos) e a recuperación da biodiversidade das marxes e espazos fluviais coa plantación de preto de 700 arbustos e pequenas árbores.
O Concello conta xa coa autorización de Augas de Galicia pero segue sen recibir resposta da Dirección Xeral de Patrimonio, a pesar de ter solicitado o informe o 17 de setembro de 2017 e reiterar a petición o 7 de agosto de 2018. O goberno local segue co proxecto dado que, pasados seis meses, entende que se dá silencio administrativo positivo.
Exposición pública
Respecto do procedemento administrativo, unha vez aprobado o proxecto expropiatorio, abrirase o trámite de exposición pública por un prazo dun mes para que todas as persoas interesadas poidan presentar alegacións.
A continuación, notificaranse as taxacións de xeito individual a aquelas persoas que figuren como titulares dos bens e dereitos no expediente, mediante traslado literal das follas de aprecio e da proposta de fixación dos criterios de valoración para que formulen as alegacións que estimen nun prazo dun mes desde a notificación.