O alcalde de Vigo, Abel Caballero, avanzou este xoves que a previsión municipal é comezar en 15 días as obras de construción do novo aparcamento municipal gratuito xunto ao Hospital Álvaro Cunqueiro, toda vez que hoxe foi adxudicada a contratación dos traballos. O prazo estimado das obras é de seis meses e o importe desta adxudicación roza os 540.000 euros, informou o rexedor vigués.
Caballero recordou que o estacionamento público e gratuito do Concello contará con aproximadamente 400 prazas e os vehículos accederán desde a rotonda da esquina suroeste da parcela. Será gratuito «para a xente de Vigo» e «para os cidadáns daqueles municipios cos que acordemos», apuntou Caballero, previa sinatura dun convenio.
O rexedor asegurou que a Xunta de Galicia pode facer gratuito o estacionamento do hospital e tamén habilitar unha «gran explanada» lindante ao Álvaro Cunqueiro, de titularidade autonómica e con calificación urbanística apta para uso como aparcamento.
Transporte Metropolitano
A Xunta de Goberno Local validou asemade a denuncia do convenio de colaboración entre o Concello, a Xunta de Galicia e Vitrasa para a incorporación viguesa ao Plan de Transporte Metropolitano.
O alcalde explicou que o goberno vigués exerce a «anulación do convenio» polos impedimentos que pon o goberno autonómico para a aplicación do firmado. «A Xunta de Galicia e o alcalde de Vigo asinamos un convenio que queremos aplicar e a Xunta de Galicia non deixa», concluíu Caballero, ao esixir condicións que non foron acordadas.
O executivo galego, en verbas do alcalde, «pretendía que o Concello pagase todas as viaxes urbanas de calquera de fóra da cidade», é dicir, «que Vigue pague e a Xunta convide», aseverou. «Eu non asinei iso. É unha chantaxe da Xunta que non aceptamos de ningún modo», insistiu Caballero.
Outros acordos
Abel Caballero informou do resto de asuntos abordados na reunión do goberno vigués, como a aprobación do convenio de colaboración coa Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharaui. O Concello eleva a súa achega de 25.000 a 60.000 euros este ano para o programa de acollimento familiar temporal «Vacacións en Paz», sufragando así os gastos de desprazamento a Vigo do dobre de nenos e nenas procedentes dos campos de refuxiados.
Ademais, o goberno de Vigo aprobou as bases e convocatoria de 7.000 euros destinados a subvencións para o fomento de actividades xuvenís, e tamén recibiu luz verde o convenio coa Asociación Veciñal e Cultural de Lavadores segundo o cal o Concello achega 25.000 euros para levar adiante unha ludoteca que atende diariamente a 30 nenos e nenas.