O alcalde visitou este venres os traballos de mantemento e reforma da instalación xunto ao Álvaro Cunqueiro, que dá cabida de balde a máis de 400 coches. Vigo dedica case 100.000 euros á obra, que inclúe “pequenas modificacións” para facilitar a entrada e para o acceso dos vehículos de persoas con discapacidade.
As persoas con mobilidade reducida que fagan uso do aparcamento municipal gratuíto xunto ao hospital Álvaro Cunqueiro atoparán as prazas reservadas nunha zona con máis fácil acceso, segundo explicou Caballero este venres, quen anotou ademais que o Concello aproveita o aglomerado para retocar a entrada de vehículos. O goberno de Vigo destina case 100.000 euros a unha obra que estará concluída o luns.
O estacionamento municipal gratuíto “está funcionando moi ben” e Caballero avoga por construír un segundo á altura da primeira rotonda da Avenida Clara Campoamor, entrando desde Castrelos. O alcalde instou á Xunta a traspasar ao Concello unha parcela da que dispón -con cualificación urbanística apta para ese uso- para abrir un segundo aparcamento de balde, “pero a Xunta non a quere vender porque quere esquilmar á xente de Vigo pagando aparcamentos no hospital”. Tamén demandou da Xunta converter en gratuíto o parking do Álvaro Cunqueiro, xa que “o que fan cos aparcamentos é aproveitar a enfermidade para recadar”.