O consistorio estima que procede impoñerlle unha multa de 170.578 euros pola «prestación manifestamente irregular do servizo» e, ademais, retraeralle 106.000 euros nas facturas, o que suma 276.500 euros polo «traballo deficiente que desempeñou».
Así o informou este venres o alcalde da cidade, Abel Caballero, que lembrou que agora mesmo a firma Althenia é a actual concesionaria do servizo.
Pavillón de Quirós
Ademais, a Xunta de Goberno Local aprobou a adxudicación do proxecto de execución das obras do pavillón polideportivo cuberto e das instalacións complementarias en Quirós que ten un orzamento de 1,5 millóns de euros.
O rexedor apuntou outros investimentos municipais previstos en infraestruturas deportivas como o pavillón de Río (1 millón de euros), pavillón de Romil (1 millón de euros) e o da rúa Manuel Cominges de Matamá (3,5 millóns de euros). Igualmente, adiantou que o goberno municipal dedica case un millón de euros a executar melloras nos pavillóns da ETEA, Monte da Mina, Teis e o pavillón central e a pista vermella de Travesas.
A Xunta de Goberno Local autorizou tamén a prórroga da autorización administrativa de uso do local que usan en Praza da Princesa 7, a favor do Consorcio do Casco Vello de Vigo, que o Concello cede de xeito gratuíto.