Na reunión celebrada este xoves, o Comité Executivo aprobou a adquisición directa do inmoble situado na Ribeira do Berbés 5 e Peñasco 9. Trátase dunha soa parcela que conta cunha superficie de aproximadamente 258 metros cadrados e a súa compravenda fixouse en 350.000 euros.
Segundo a ficha do Pepri, trátase dunha casa mariñeira de planta baixa e piso principal cun pequeno patio nas súas costas onde hoxe existe unha vivenda. Agora mesmo atópase en estado ruinoso e, coma explicou o delegado, este inmoble ven a sumarse aos outros 3 edificios adquiridos polo CCVV nos números 11, 13 e 15 que despois foron cedidos á Universidade de Vigo parq eu constrúa a súa sede. “O obxectivo é recuperar a Fachada do Berbés, abandonada dende hai moitos anos, e o estamos a facer dende o Consorcio”, considerou López-Chaves, matizando que se trata dunha “parte moi importante da cidade”.
Outro dos asuntos acordados foi a adxudicación dunha nova obra de rehabilitación en Subida a Costa 5. Os traballos foron adxudicados por un importe de 221.000 euros e a intervención prevista neste único inmoble redactada polo arquitecto José Luís Díaz Mateo prevé a consecución de 1 vivenda de 2 dormitorios cuns 70 m2 e 1 local comercial de 96 metros cadrados. Conta cun prazo de execución de 1 ano dende a firma do contrato.
Deste xeito, e coma lembrou o presidente do CCVV, estas actuacións veñen a sumarse aos traballos de recuperación que se están a levar a cabo neste ano 2016 nos números 10-12 e 45-47 da rúa Ferraría, cuxas obras xa están moi avanzadas e coas que se conseguirán 6 vivendas e 2 locais comerciais, así coma ás de Subida ao Castelo 12, obra iniciada hai pouco e que ofrecerá outras 4 vivendas máis. En definitiva, e coa adxudicación formalizada hoxe, se está a traballar na recuperación de 11 vivendas e 3 locais comerciais.
Pero coma dixo López-Chaves, o traballo de rehabilitación da zona alta do Casco Vello continúa e no vindeiro ano 2017 avanzarase noutras 3 actuacións que a día de hoxe están en fase de proxecto. Trátase dos inmobles de Ferraría 8, Cruz Verde 8 e Cruz Verde 12, este último en proceso xa de demolición e baleirado interior.
En definitiva, serán máis de 2,6 millóns de euros os que se investirán na rehabilitación do Casco Vello de Vigo a través do CCVV nas seguintes actuacións na Ribeira do Berbés e nas rúas Ferraría, Cruz Verde, Subida ao Castelo e Subida á Costa.
Dende o seu inicio hai máis de 10 anos, o Consorcio Casco Vello de Vigo leva rehabilitadas 99 vivendas e 27 locais comerciais onde xa residen máis de 150 persoas ademais de abrir os seus negocios novos emprendedores.