A actual situación sanitaria xa está a levarse por diante tamén as festas universitarias. Se a semana pasada era a quenda para Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo, que non realizou ningún tipo de evento, hoxe martes é a celebración oficial do patrón da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación. Pero “ante a evolución da pandemia da covid-19 e a falta de noticias alentadoras”, a Delegación de Alumnado decidiu cancelar a celebración de San Teleco 2020, que ía ter lugar este mércores 30 de setembro.
Os representantes do estudantado explican que barallaron “múltiples alternativas para non deixar pasar unha data tan sinalada, pero todas elas se deron de fociños contra unha realidade cambiante e chea de incógnitas”. Engaden que coñecendo “o custe económico e humano que implica a celebración dos eventos asociados a San Teleco, comezar a destinar eses recursos, coa antelación necesaria, sen a certeza de si será ou non en van, impediunos adquirir tal compromiso ante un curso que se antolla complicado”. Por estes motivos tomaron a decisión de suspender a celebración “con todo o pesar do noso corazón, porque nada nos comprace máis que poder dar o pistoletazo de saída do curso cun evento que presenta ás e aos recentemente chegados e reúne ás e aos veteranos”.
Precisamente, dende a Delegación de Alumnado tamén fan un chamamento á responsabilidade das e dos estudantes “para evitar aglomeracións e festas” e emprazan a toda a escola a retomar a festa do patrón no curso 2021-2022, no que será o San Teleco 2020+1.
Outras suspensións
A pasada semana tivo lugar a celebración do patrón da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo, en Ourense, que tampouco organizou actividades lúdicas. A próxima semana será tamén a festividade da Escola de Enxeñaría Forestal, en Pontevedra, aínda que tradicionalmente festexan o San Leando na primavera.
En Vigo, a próxima festividade será o San Alberte, patrón de Química, Ciencias do Mar e Bioloxía. Polo momento, os centros aínda non acordaron se suspender todas as actividades ou manter algunhas, xa que o programa tradicionalmente comprende concursos de debuxo, pintura e relatorios, ademais de magosto e xogos populares.